Os máis de 67.000 xubilados e xubiladas de Ourense superaron os 1.000 euros de pensión media
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este martes as oficinas da Seguridade Social en Ourense, onde informou do impacto da revalorización das pensións nas prestacións que reciben cada mes preto de 700.000 galegos e galegas.
O delegado, que estivo acompañado durante a visita polo subdelegado en Ourense, Emilio González, e a directora provincial do INSS e da Tesourería da Seguridade Social, Carolina Gancedo, indicou que este mes de xaneiro, os e as pensionistas galegas viron aumentar de media en 43 euros a contía das súas prestacións, o que supón máis de 600 euros máis ao ano.
A pensión media situouse o pasado mes de xaneiro en Galicia nos 1.068,59 euros, un dato que contrasta cos 1.025,47 euros que recibían de media en decembro. No caso das de xubilación, as máis numerosas, pasaron dos 1.173,19 euros de media no mes de decembro a 1.221.92 euros, o que supón 48,73 euros máis ao mes e 682,22 euros máis ao ano.
Estas subas responden ao incremento do IPC que fixou por lei o Goberno para a revalorización das pensións que perciben un de cada catro galegos e que, no caso da provincia de Ourense, permitiu que a pensión media de xubilación superase por primeira vez en xaneiro deste ano a barreira dos 1.000 euros. Así, os máis de 67.000 ourensáns e ourensás que cobran pensións de xubilación recibiron de media en xaneiro 1.025.65 euros.
A revalorización, que beneficia ás máis de 687.000 persoas que cobran unha pensión en Galicia, supón incremento do gasto para a Seguridade Social de 475 millóns ao ano na nómina das pensións galegas, xa que pasa dos 11.131 millóns de euros de 2023 aos 11.606 millóns en 2024.
Pensións non contributivas
Pola súa banda, Pedro Blanco lembrou que as pensións non contributivas, que reciben en Galicia unhas 37.200 persoas, subiron tamén este ano un 6,9%, o mesmo que o Ingreso Mínimo Vital, o que supón elevalas a 517,9 euros ao mes (7.250,6 euros ao ano). Isto supón aumentar o gasto en pensións non contributivas en Galicia preto de 270 millóns de euros ao ano.
Tamén aumentou a contía das pensións mínimas no caso dos fogares unipersonais, que pasan de percibir 10.963,4 euros en 2023 a ingresar 11.552,8 euros ao ano en 2024. Con cónxuxe ao cargo o importe ascende ata os 14.466,2 euros (13.526,8 en 2022). Ademais, apuntou que, como novidade, as pensións de viuvez con cargas familiares equipáranse este ano á pensión mínima de xubilación con cónxuxe ao cargo, elevando a súa contía un 14,1%.