Os nacionalistas ourensáns critican a paralización do proxecto para plantar 10.000 árbores na capital

OurenseXa
Os nacionalistas lembran que “transcorridos oito meses desde o compromiso do Presidente da Xunta coa proposta de recuperación do patrimonio arbóreo de Ourense, non consta a existencia de avance algún"
iago-tabares-bng-ourense
Iago Tabarés, deputado do BNG
13 May 2024

O catro de outubro de 2023, o Alcalde Gonzalo Pérez Jácome e o Presidente da Xunta Alfonso Rueda, mantiñan un encontro no edificio Administrativo que o Executivo galego ten Avda da Habana en Ourense, nos que trataron unha proposta do alcalde de Ourense para plantar 10.000 árbores ao longo de todo o concello co obxecto de mitigar os efectos do cambio climático.

Desde a formación nacionalista lembran que esta foi unha das escasas iniciativas que o Alcalde trasladou ao Presidente da Xunta e que este manifestou a súa conformidade coa proposta, considerando que mesmo podería ser unha “experiencia piloto” a estender a outras cidades de Galiza.

Para o deputado do BNG no Pazo do Hórreo Iago Tabarés, “existe unha realidade e é que desde hai anos, o patrimonio arbóreo da cidade de Ourense non deixa de minguar. Tanto a execución de obras promovidas polo Concello de Ourense como pola Xunta de Galiza, como o mal estado das árbores, consecuencia da falla de coidados, de intervencións mal realizadas ou por unha ubicación incompatible co seu crecemento natural, están a supor unha constante perda do arborado na cidade”.

Tabarés cita os casos concretos de Mariñamansa, A Rabaza, Cudeiro Os Remedios, Castro de Beiro, San Francisco, o Casco Histórico ou a zona centro, como “lugares que nos últimos anos sufriron particularmente a perda de distintos exemplares arbóreos”.

Mais o certo é que “transcorridos oito meses desde o compromiso do Presidente da Xunta coa proposta de recuperación do patrimonio arbóreo de Ourense, non consta a existencia de avance algún, mais ao contrario, continúa a diminución e degradación dos espazos verdes da cidade polo que desde o BNG instaremos á Xunta de Galiza a que, en coordinación co Concello de Ourense, proceda á inmediata posta en marcha do proxecto de plantación de árbores comprometido no seu día.”


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18360710144043