Os nenos e nenas serán os protagonistas do Domingo de Entroido de Frei Canedo

A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte continúa este domingo coas actividades para festexar o Entroido 2025, que comezou no barrio pontno o xoves 27 de febreiro, e rematará na madrugada do luns ao martes de Entroido.
Un amplo programa preparado minuciosamente e destinado a tódolos públicos, co claro obxectivo de seguir impulsando unha celebración senlleira e de gran aceptación no barrio de Ponte Canedo.
O domingo estará dedicado, un ano máis, ás crianzas, que poderán desfrutar de diversas actividades dende a mañá. Haberá xogos populares e tradicionais, obradoiros de maquillaxe e pintura, animación, concursos, e, como en edicións anteriores, un obradoiro de queixos ofrecido por Vallelongo, onde os máis pequenos poderán elaborar o seu propio queixo.
“Aos veteranos o que máis nos emociona é o domingo, o día dedicado aos nenos. Ese día organizamos actuacións, obradoiros e xogos tradicionais que encantan tanto aos pequenos como aos avós e pais que os acompañan. O ano pasado, por exemplo, o Obradoiro de Queixos, que se repetirá este ano, foi un éxito total. Tamén temos o Club Disney con personaxes infantís, e cada vez que os sacamos, os nenos énchense de emoción. É un día moi especial para nós”, explicaba nunha entrevista a este medio o presidente da asociación, Roberto Pumar.
Pero non só haberá actividades para os pequenos. A partir das 12:00 do mediodía, celebrarase unha sesión vermú a cargo de Verbena Disco, e ás 13:30 horas comezará o xantar popular, con polbo, carne ao caldeiro, pan e bebidas, que se poderán mercar na propia carpa.
Tras unha tarde de xogos e actividades para os máis pequenos, as celebracións rematarán ás 21:00 horas co concerto do grupo ourensán Amarillo 13.