Os populares denuncian carencias no transporte público de Ourense
O Grupo Municipal Popular defenderá no pleno ordinario de abril unha moción pedindo ao goberno municipal que o proceso de licitación, do transporte público, que agora mesmo está en marcha, intente dar solución a maioría dos problemas existentes para que as consecuencias futuras sexan o menos gravosas para as arcas municipais, e evite o caos de planificación que ata o de agora se vén demostrando por parte do alcalde de Ourense.
“Os veciños quedan tirados nas paradas porque a escasa capacidade da nova flota fai imposible que se cubra a demanda nas horas centrais do día e as persoas maiores teñen dificultades para chegar aos seus asentos ou saír con fluidez e as persoas con mobilidade reducida sofren tamén a mala distribución do interior dos vehículos”, denuncia o concelleiro, Pepe Araujo, quen engade que “ademais só entra un carriño de bebe por autobus e se coincide cunha cadeira de rodas unha das partes non pode viaxar”.
Por outra banda, o Partido Popular pon de manifesto tamén a problemática que ocasionan os autobuses eléctricos, pois “ademais de que só están a funcionar dous dos dez adquiridos, porque non existe a instalación eléctrica necesaria, os que prestan o servizo están sendo enviados constantemente ó concesionario por múltiples avarías mecánicas e eléctricas”, asegura Pepe Araujo. “Por non falar de que o falso teito dalgún vehículo xa caeu na cabeza dos choferes e que a mal calculada capacidade do seu depósito de combustible vai provocar que non sexa capaz de terminar o servizo sen ter que repostar”, lamenta.
Nesta mesma liña, o concelleiro asegura que “queda claro que o goberno municipal se equivocou tanto na cantidade como na tipoloxía dos autobuses mercados, un erro que lle vai saír moi caro á cidade de Ourense”, e subliña tamén que “en determinadas liñas vai ser preciso duplicar o servizo para dar cobertura á demanda durante a xornada duplicando os custos do servizo por unha mala planificación, uns custos que pagararemos os veciños”.
Tal e como explica o popular a solución pasa por que “o novo contrato escoite de verdade as necesidades de Ourense e non quede baixo a improvisación dunha persoa que constantemente se caracteriza por dicir unhas cousas, que nunca se cumpren”.
Por último, Pepe Araujo lembra que “a administración local traballou no proceso preparatorio do contrato, sorteando multitude de atrancos, e cando todo estaba xa listo, o propio alcalde decidiu paralizar a licitación e o actual grupo de goberno municipal meteu nun caixón todo o traballo feito para a tramitación, e alí leva gardado dende fai catro anos”.