Os populares destacan a importancia do sector vitivinícola en Ourense

OurenseXa
O candidato do Partido Popular ás Eleccións Europeas, Adrián Vázquez, destaca que "o 39,9% dos viticultores de España está en Galicia, o que supón que a comunidade autónoma ten o maior número de viticultores, con case 220.000 persoas cultivando vides”
Mitin do PP en Barbadás
31 May 2024

O candidato do Partido Popular ás Eleccións Europeas, Adrián Vázquez, puxo hoxe en valor o traballo desenvolvido polo grupo popular no Parlamento Europeo para defender o sector vitivinícola, a protección das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas (IXP), así como evitar “que se criminalizase o consumo dun produto que en Galicia xera en torno a 890 millóns de euros ao ano de Valor Engadido Bruto (VEB).

Adrián Vázquez fixo estas declaracións no Ribeiro, onde comezou a xornada de tarde desta campaña electoral visitando unha das súas adegas. Logo de percorrer as instalacións e os viñedos, o candidato lembrou a enorme importancia deste sector en Galicia, “que se reflicte no feito de que o 39,9% dos viticultores de España está en Galicia, o que supón que a comunidade autónoma ten o maior número de viticultores, con case 220.000 persoas cultivando vides”.

Vázquez tamén repasou o peso económico que ten esta actividade, representada na maioría dos casos por microempresas, con forma xurídica de cooperativa, e que xera preto de 16.000 empregos a tempo completo e con presenza en 150 concellos, “o que fala ben ás claras da súa implantación no territorio galego”.

Destacou o candidato que o sector vitivinícola estivo moi presente na actividade lexislativa do Parlamento Europeo ao longo último mandato, participando o PP na reforma do Regulamento de Indicacións Xeográficas, que outorga maior protección xurídica aos viños, mellora os controis no mercado, nos puntos de venda, e evita o uso ilegal de denominacións e indicacións en internet.

Outro dos fitos importantes no Parlamento Europeo foi evitar “a demonización do viño grazas ás emendas presentadas por la delegación do Partido Popular, ao impedir que cualificara o consumo responsable e moderado do viño como prexudicial para a saúde”.

Luis Menor traslada o seu apoio ás familias de Barbadás

Durante a súa visita ao Ribeiro, Adrián Vázquez estivo acompañado polo líder dos populares ourensáns, Luis Menor, xunto co que se desprazou ao concello de Barbadás para celebrar o último acto de campaña da xornada.

Na casa da Cultura de Barbadás, Luis Menor invitou á militancia local a trasladar unha mensaxe de “confianza e apoio ás familias”, afirmando que o PP procurará “dar resposta ás verdadeiras preocupación da cidadanía, como son o apoio á maternidade e a a conciliación”.

Para un concello cun amplo sector de poboación moza e con fillos, puxo como exemplo o presidente provincial, “debemos impulsar unha reforma da directiva europea para lograr unha verdadeira conciliación entre a vida laboral e familiar, porque a única política que xera emprego e riqueza é a política social”.

0.17929315567017