Os propietarios de fincas de Ourense deberán limpar a biomasa vexetal antes do 31 de maio para previr incendios

OurenseXa
O Concello advirte de sancións de ata 100.000 euros para quen incumpran a normativa autonómica
finca-maleza-2
6 May 2025

O Concello de Ourense lembra ás persoas propietarias de terreos que teñen a obriga de limpar a biomasa vexetal antes do vindeiro 31 de maio, co obxectivo de reducir o risco de incendios forestais ante a chegada do verán. Así o establece a Lei galega 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais, e recóllese nun bando municipal asinado polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, dispoñible na páxina web do Concello.

A normativa autonómica contempla multas de ata 1.000 euros por infraccións leves e de ata 100.000 euros no caso de infraccións graves. Ademais, se non se cumpre con esta obriga, o propio Concello poderá asumir os traballos de limpeza de maneira subsidiaria e repercutir os custos ás persoas responsables.

As franxas de xestión de biomasa, coñecidas como redes secundarias, buscan protexer as zonas habitadas e as infraestruturas. A lei obriga a manter limpas de vexetación estas franxas de 50 metros arredor do solo urbano, núcleo rural e solo urbanizable; así como arredor de edificacións, vertedoiros, cámpings, gasolineiras, parques ou instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte. Tamén afecta ás construcións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

Así mesmo, prohíbese expresamente a presenza de determinadas especies arbóreas dentro destas franxas, como eucaliptos, acacias ou piñeiros, segundo recolle a disposición adicional terceira da lei.

⚙ Configurar cookies
0.17021894454956