Os Reis Magos confirman a súa visita a Ramirás cun percorrido especial e tradición renovada
As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente volverán a Ramirás este 5 de xaneiro, grazas á invitación da Asociación Cultural Rebulir e co apoio do Concello de Ramirás. Durante esta xornada, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán diversos núcleos do Val do Tuño nos seus vehículos oficiais, saudando á veciñanza.
Unha das paradas máis emotivas será na Residencia de Maiores de O Mosteiro, onde compartirán momentos especiais cos residentes. Ademais, a recepción oficial para os máis pequenos celebrarase no Centro Cultural de O Picouto, onde poderán coñecer aos Reis e entregar as súas cartas.
A comitiva contará con vehículos antigos destinados ao uso persoal dos Reis e da súa corte, escoltados pola garda real e co apoio de Protección Civil para garantir a seguridade en todo momento.
O carteiro real, que leva días traballando nunha oficina provisional no Centro Cultural de San Andrés (Vilavidal), continuará recollendo as cartas dos nenos e nenas, e mesmo disporá dun enderezo electrónico para facilitar a comunicación. No día 5, tamén estará presente para asegurarse de que ningunha carta quede sen entregar.
Por último, retómanse os tradicionais cantos de reis. Un grupo da Asociación Rebulir percorrerá establecementos, camiños e corredoiras pedindo o aguinaldo e compartindo esta tradición coa veciñanza.