Os Reis Magos levarán a ilusión ao CHUO con axuda dos bombeiros de Ourense
O vindeiro luns 6 de xaneiro, os Reis Magos están preparados para levar ledicia e ilusión aos pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Este evento tan especial, que só terá lugar se o tempo o permite, contará coa destacada colaboración dos bombeiros de Ourense.
A visita realizarase a partir das 11.00 horas, cando Melchor, Gaspar e Baltasar, utilizando unha escaleira telescópica, se acheguen ás fiestras do novo edificio do CHUO. Dende alí, saudaran e enviarán os seus mellores desexos aos pacientes que se atopan hospitalizados, brindándolles un momento de ledicia e esperanza.
A fachada do novo hospital será o escenario desta actividade única e entrañable, que busca achegar a maxia do Día de Reis a aqueles que máis o necesitan. Esta iniciativa é unha mostra máis da solidariedade e o compromiso coa comunidade, tanto por parte dos ilustres visitantes como dos heroes locais que fan posible o acto, os bombeiros de Ourense.