Os socialistas acusan ao PP de ser “o único responsable” da situación actual do Concello por manter a Jácome na alcaldía

OurenseXa
“En ningunha cidade do noso país se permitiría seguir nin un minuto máis á fronte da Alcaldía a Jácome”, aseguran os socialistas
natalia-gonzalez
Natalia González
19 Mar 2025

Dende o grupo socialista no Concello de Ourense trasladan o seu rexeitamento ao modo de proceder do rexedor e lamentan que a terceira cidade de Galicia veza menoscabada a súa imaxe logo da nova sentenza coñecida no día de onte, e que constitúe a terceira que ditamina que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, acosou e tratou de xeito improcedente a traballadores e traballadoras municipais.

“En ningunha cidade do noso país se permitiría seguir nin un minuto máis á fronte da Alcaldía a Jácome. Estamos ante uns feitos gravísimos que non son novos porque veñen acontecendo nos últimos case seis anos. E todo o mundo debe saber que non só afecta á imaxe institucional, senón que ten repercusións económicas que asumimos todos e todas as veciñas”, expón a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González.

Para as e os socialistas o único responsable da situación actual é o PP por colocar e continuar mantendo ao rexedor na súa cadeira e co bastón de mando, perpetuando que nada mude.

“Dende o noso partido non podemos máis que trasladar o noso apoio a todas esas persoas, empregados e empregadas públicas, e dos que sempre estivemos ao seu carón e felicitar, neste caso, a Stella González pola súa valentía e insistencia por que se faga xustiza, así como defender os dereitos da cidadanía ante calquera tipo de ditadura”, remata contundente.

⚙ Configurar cookies
0.63588380813599