Os socialistas de Ourense continúan este xoves cos parladoiros na Casa do Pobo provincial

OurenseXa
O convidado nesta ocasión será o historiador Xosé Fortes Bouzán, que impartirá unha charla aberta á cidadanía titulada “A Conquista da Democracia”
parladoiro-psoe-ourense
5 Mar 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense prosegue co seu ciclo de parladoiros na Casa do Pobo provincial e organiza este xoves a partir das 20:00 horas un novo evento. O convidado nesta ocasión será Xosé Fortes Bouzán, historiador e fundador da Unidade Militar Democrática (UMD), que baixo o lema “A Conquista da Democracia” analizará polo miúdo todos os pasos dados no país para acadar o goberno democrático que hoxe temos.

Este acto, aberto á cidadanía, encádrase dentro do círculo de parladoiros que o PSdeG-PSOE de Ourense vén organizando ao longo dos últimos meses, co claro obxectivo de abrir á veciñanza a Casa do Pobo provincial e que sirva como punto de encontro onde desenvolver ideas e diálogos en beneficio da provincia de Ourense e dos diferentes municipios que a compoñen.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense convidan á cidadanía da cidade e da provincia a participar neste parladoiro e escoitar a todo un referente na conquista da democracia. Xosé Fortes Bouzán analizará os pasos dados para que a democracia chegase ao noso país e como en 1974 fundou a UMD, organización clandestina, que nace en pleno franquismo co obxectivo de rematar coa ditadura e facer posible a transición democrática.

Coincidindo con 50 aniversario da fundación da Unidade Militar Democrática, Fortes Bouzán aproveitará a intervención para facer referencia ao que se viviu naquel entón. Dende o PSdeG-PSOE provincial de Ourense destacan que “contamos cun referente que viviu en primeira persoa todo o acontecido e que nos trasladará a súa experiencia e vivencias naquel momento tan transcendental para o noso país”.

Xosé Fortes Bouzán tamén aproveitará a súa intervención para facer unha comparativa cos feitos acontecidos en Portugal coa ditadura portuguesa e a revolución dos caraveis, comparando a actuación dos exércitos español e portugués no final de ámbalas dúas ditaduras.

⚙ Configurar cookies
0.45818495750427