Os socialistas denuncian a falta de compromiso do goberno de Jácome coa cultura galega

OurenseXa
Lamentan que o alcalde non organizara ningún acto institucional polo Día de Rosalía e advirten de que a situación cultural na cidade "leva anos sendo preocupante" 
María Fernández e Cristina Cruz, PSdeG-PSOE de Ourense
María Fernández e Cristina Cruz
24 Feb 2025

Dende o grupo municipal socialista lamentan que non se organizase ningún acto institucional de homenaxe polo Día de Rosalía por parte do Concello de Ourense. "O día 23 de febreiro celebramos o aniversario da autora galega. E como é a tónica deste goberno de DO non se conmemorará de ningún xeito, ni dende Educación nin dende a ‘célebre’ concellería de Artes e Festexos", sinala a edil do PSdeG Cristina Cruz ao respecto.

Neste senso, as e os socialistas afirman que a situación cultural na cidade "leva anos sendo preocupante" e que, como xa denunciaron noutras ocasións, non se trata só de Rosalía de Castro; senón dun abandono xeralizado da nosa riqueza cultural e patrimonial. “O executivo de Gonzalo Pérez Jácome tampouco presentou, polo de agora, ninguna programación ou actividades para festexar o ano Castelao –declarado para este 2025– e o alcalde fixo o seu sinal de identidade omitir calquera acto para conmemorar o Día das Letras Galegas”, lamenta a socialista sobre a redución da cultura á contratación de orquestras e charangas.

“A falta de compromiso e vontade política para recoñecer aos nosos escritores e escritoras ou artistas e intelectuais é a tendencia habitual do goberno local. Fomentar a cultura é fortalecer a identidade e o orgullo local resulta imprescindible para aprender do noso pasado e entender o noso presente”, incide a edil do PSdeG.

E ante a pasividade do executivo de Jácome para participar institucionalmente de datas tan relevantes para a cultura e o patrimonio dos e das galegas, as e os socialistas agradecen o labor dos e das docentes por ser os que, nesta cidade, “transmiten á cativada e á mocidade as verbas desta poeta universal, muller feminista e libre que é exemplo de resiliencia”.

A desafección do executivo de Jácome pola lingua e cultura galegas non colle por sorpresa aos e ás concelleiras do PSOE, mais lembran que como representante público de toda a cidadanía, o rexedor debería ter, alomenos, a mesma vontade para colaborar na organización das festas dos barrios que na organización das festas culturai de todos e todas as galegas. “E, especialmente, consideramos fundamental promover e fomentar aquelas efemérides relacionadas co coñecemento e uso da lingua e literatura galegas dende as institucións para contribuír a deter o seu preocupante deterioro”, remata concretando.

⚙ Configurar cookies
0.088570833206177