Os socialistas esixen medidas de apoio ao comercio en Ourense
O grupo municipal socialista denuncia que a Concellería de Comercio “quedou reducida a un alpendre” dentro da de Urbanismo e, a súa vez, que esta “só tramita licenzas de terrazas de veladores”, tal e como afirmou a edil e portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.
Como consecuencia desta reestruturación levada a cabo polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, produciuse unha “redución radical do persoal” da mencionada carteira. E, ademais, sinalan as e os socialistas que a súa eliminación da antiga ubicación na Praza de San Martiño contribuiu á “desaparición dunha concellería esencial na carta de servizos municipais”.
Así as cousas, a tamén secretaria xeral do partido na cidade pediu “que se convoque a Mesa de Comercio Local para analizar esta grave situación e para que se concreten e se fagan efectivas medidas de apoio ao comercio de maneira coordinada coas asociacións, profesionais do sector e colectivos afectados”. “Non hai previstas campañas de promoción que incentiven o consumo nos establecementos, á marxe de dar discrecionalmente axudas mínimas que non serven nin de parche”, lamentou.
A toda esta situación é preciso engadir que o proxecto de ordenanza de veladores atópase paralizado porque o goberno municipal “non sabe que facer con el despois da súa falla de consenso político e social para aprobalo”, segundo confirmou o concelleiro de Comercio, Francisco Lorenzo, na última xunta de área.
Lembran, por outra banda, as e os edís socialistas que malia a estar actualmente en marcha a urbanización exterior da Praza de Abastos núm 1, “o rexedor non ten nada previsto para seguir adiante coas obras nin o seu rianxo” e que un dos centros neurálxicos da cidade carece de “plan funcional, proxectos e vontade política” para devolverlle o pulo do que outrora gozou.