Os socialistas esixirán a implicación da Deputación de Ourense cos gandeiros afectados pola EHE

OurenseXa
Álvaro Vila compromete o apoio socialista porque “as competencias e a capacidade económica son da Xunta, pero a Deputación ten que arrimar o ombreiro, non podendo permitirse mirar cara outro lado”
53700144-F457-4E7A-8F16-4514C64B6A9F
Deputados do PSdG na Deputación de Ourense durante unha visita a Vilardevós
4 sep 2024

Deputados do grupo provincial socialista na Deputación de Ourense acudiron a Vilardevós para coñecer de primeira man a situación e preocupacións dos gandeiros desta área do oriental ourensán, que é unha das máis afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).

Acompañados pola alcaldesa de Vilardevós, Eva Pérez, o voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila, e os deputados Elvira Lama, Marina Vaz e Emilio Díaz, visitaron varias explotacións bovinas, tanto de extensivo coma de intensivo, dando boa conta dos estragos provocados polo andazo e atendendo ás testemuñas dos afectados, laiándose estes nomeadamente da “imprevisión” e “escasas axudas” da Xunta de Galicia.

En todo momento a carón dos gandeiros do seu municipio, Eva Pérez instou en que “Medio Rural debe tomar as medidas axeitadas para ver de minorar os danos e perdas económicas para os gandeiros”. A alcaldesa de Vilardevós non fixo unicamente alusión ao “limitado das indemnizacións” por perdas de cabeza de gando, senón tamén aos “altos custos veterinarios”, destacando de paso a falta de profesionais cualificados dispoñibles na provincia de Ourense.

“É importante administrarlle antibióticos ou antiinflamatorios ao tempo que se axiliza a campaña de vacinación do gando”, apuntan os gandeiros. A subministración de medicinas e vacinas, as labores de desinfección, a morte de animais adultos ou os abortos son tan só algúns dos gastos aos que están tendo que facer fronte os gandeiros. Os profesionais destacaron a “falta de información” e “exceso de burocracia” para solicitar axudas por medicamentos, reses mortas e outras perdas derivadas.

A prol da implicación da Deputación de Ourense

“Na provincia de Ourense as explotacións non teñen soamente unha función económica, senón que tamén son importantes desde o punto de vista social e medioambiental, erixíndose coma un sostén fundamental do noso rural”, afirmou Álvaro Vila, comprometendo a acción do grupo socialista para ver de acadar unha maior implicación da Deputación de Ourense cos gandeiros.

“Na liña destes últimos meses, nos que presentamos iniciativas para chamar a atención do goberno do PP na provincia sobre a situación do sector da castaña, afectado por diversas patoloxías, e os estragos provocados pola tuberculose bovina; seguiremos a loitar polo futuro de Ourense e para que ninguén quede atrás”, concluíu Vila. Segundo Vila, “as competencias e a capacidade económica son da Xunta, pero a Deputación tamén ten que arrimar o ombreiro, non pudendo permitirse mirar cara outro lado”.

Até o de agora téñense detectado focos agravados de EHE na Mezquita, A Gudiña, Viana, Castro Caldelas e en todo o Macizo Central, amais de en Maceda e A Limia, sendo a provincia de Ourense unha das zonas do Estado onde o impacto do andazo está a ser maior. Segundo os expertos, a EHE afecta especialmente a Ourense polo calor, que favorece a aparición de vectores de contaxio. Os profesionais lembran que o andazo “non ten influencia sobre o produto, non véndose afectada a carne nin transmitíndose ás persoas”.

0.10952687263489