Os socialistas esixirán no Parlamento Galego o mantemento da unidade Post-Covid do CHUO

A voceira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez, a deputada no Congreso Marga Martín Rodríguez e a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta reuníronse con representantes da asociación de doentes afectados pola covid persistente logo de coñecerse, recentemente, que o Sergas decidiu pechar no CHUO a unidade multidisciplinar que atendía a estes afectados e afectadas. Ante esta situación, as socialistas presentaron unha batería de iniciativas co obxectivo de que se reconsidere a decisión tomada e se presente unha reorganización real destas unidades, en función da demanda existente de pacientes postcovid.
Trátase dunha enfermidade crónica, multiorgánica e altamente incapacitante que non ten cura e que na maioría dos casos ten unha evolución non favorable e se manifesta en episodios. Segundo estimacións da OMS (Organización Mundial da Saúde) afecta ata a un 5% das persoas contaxiadas, o que en Galicia se traduce nunhas 70.000 persoas. “Debemos dar respaldo ás demandas deste colectivo que xa rexistrou unha solicitude, con máis de 1.700 sinaturas, para que se retrotraía a decisión e se garanta unha atención sanitaria digna. É hora de que o PP reverta a súa política de desmantelamento e caos que vive a Sanidade en Ourense”, destacou a portavoz.
Pola súa banda, a deputada do PSdeG no Parlamento lembrou que se trata de persoas que viron mermada a súa calidade de vida, polas diferentes secuelas que presentan, e que precisan ser atendidas por un equipo multidisciplinar de profesionais especializados e que poidan revisar os seus casos cunha visión global. “A opción que propón a Xerencia rompe a atención que ata o de agora se lles ofrecía e as socialistas entendemos que debe ser integral”, aclara.
“Estamos ademais ante unha enfermidade emerxente, sobre a que se están realizando estudos, e de momento, transcorreu relativamente pouco tempo para poder avanzar con respecto ao mecanismo que o desencadea. Pero si sabemos que algúns dos síntomas máis frecuentes son: malestar xeral, dores musculares, astenia, falta de concentración, fallos na memoria etc.”, explican. Ademais, algúns estudos sinalan que afecta a todos os sistemas orgánicos, incluído o sistema cardiovascular, o nervioso, o endócrino, o inmunolóxico, o reprodutivo e o gastrointestinal.
“Por todo elo, entendemos non só que non debería desaparecer esta unidade; senón que debería reforzarse. Tamén debería se realizar un censo territorial de persoas afectadas por covid persistente e proceder de forma inmediata á formación do persoal sanitario naqueles centros de saúde onde existan persoas con covid persistente”, rematou sobre as demandas que recollen as iniciativas.