Os socialistas levarán ao Parlamento de Galicia a situación dos traballadores da planta de Faurecia

O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao Parlamento de Galicia a “grave” situación que viven os traballadores e traballadoras da planta de Faurecia en San Cibrao das Viñas, que enfrontan unha situación preocupante pola redución da produción do seu principal cliente, Stellantis. As e os socialistas veñen de rexistrar unha serie de iniciativas nas que reclaman que o goberno galego, con competencias en industria e emprego, actúe de forma “urxente” e garanta a viabilidade da fábrica en Ourense e manteña os postos de traballo.
A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou unha batería de iniciativas na que insta á Xunta de Galicia a “adoptar todas as medidas necesarias dentro das súas competencias en relación coa perda de postos de traballo no Grupo Forvia, antiga Faurecia”. A factoría ourensá emprega na actualidade a preto de 300 traballadores, pero comunicou a supresión de 27 postos de traballo, aínda que non descartan medidas máis drásticas.
As e os socialistas ourensáns reuníronse ao longo dos últimos días con representantes sindicais para escoitar as súas demandas e dar traslado das mesmas as distintas administracións. “Dende o PSOE de Ourense queremos amosar o noso total apoio aos operarios e operarias de Faurecia, que afrontan un futuro incerto tras coñecerse a decisión de suprimir postos”, sinala Rodríguez Dacosta.
A redución de 27 postos de traballo que afrontará a compañía implica a 25 operarios de produción e 2 de mantemento e utilidade e está programado que se execute durante o primeiro semestre de 2025. “As e os socialistas entendemos que ten que ser o goberno galego, con competencias en materia de industria e emprego, o que debe actuar, tomando as medidas necesarias que garantan a viabilidade da fábrica en Ourense e o mantemento dos postos de traballo”, destaca Carmen R. Dacosta.
A parlamentaria socialista cuestionará ao goberno galego sobre as medidas que a Xunta vai tomar ao respecto, se hai prevista algunha reunión co comité de empresa, se son conscientes das necesidades de postos de traballo co sector industrial na provincia de Ourense e se coñece as necesidades de carga de traballo para as empresas da automoción.
Rodríguez Dacosta finaliza subliñando que “é de vital importancia que a consellería de economía e industria asuma compromisos e se reúna cos representantes da empresa con vistas a avanzar na procura de solucións que garantan a carga de traballo e o mantemento dos postos laborais”.