Os socialistas ourensáns esixen a aprobación de axudas para os gandeiros afectados pola EHE

OurenseXa
O senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, defenderá no Senado unha moción para instar ao Goberno a aprobar unha batería de axudas con vistas a paliar as perdas das explotacións afectadas pola EHE
PSOE Senado
19 sep 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que o Grupo Socialista defenderá no Senado unha moción na que insta ao Goberno á aprobación de axudas destinadas aos gandeiros e gandeiras afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) con vistas a paliar as perdas das explotacións e garantir a estabilidade do sector. As axudas terán en conta tamén, a efectos retroactivos, as primeiras datas de detección do virus no país.

As e os socialistas da provincia congratúlanse desta iniciativa impulsada polo PSOE no Senado e destacan que dende que se rexistraron os primeiros casos, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación “leva traballando para recoller a información sobre o impacto da enfermidade e consensuar medidas de control e restrición”. Neste senso apuntan a que o ministerio “elaborou unha serie de recomendacións como a supervisión diaria dos animais, a atención e o tratamento temperán e actuacións de loita vectorial”.

O senador do PSdeG-PSOE de Ourense e secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, explica que a EHE “afecta de cheo aos gandeiros e gandeiras da provincia, con 14 comarcas veterinarias con casos da enfermidade (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana)”. Una situación que en palabras do líder dos e das socialistas ourensás “está supondo importantes perdas económicas ao sector, que urxe axudas por parte das administracións”.

Rodríguez Villarino pon de manifesto, que con esta iniciativa, pretendemos amosar “o compromiso do PSOE co sector primario, fundamental e estratéxico na provincia de Ourense” e engade que “as gandeiras e os gandeiros poden estar seguros de que o Goberno vai estar o seu carón, axudándolles coma sempre e velando polos seus intereses”.

Ante esta situación dende o Grupo Socialista no Senado instan ao Goberno “á aprobación de axudas destinadas aos gandeiros e gandeiras do país afectados pola EHE” e destacan que isto “suporá un importante paso adiante na loita contra a enfermidade, e sobre todo, será un importante e fundamental apoio para o sector”.

Críticas á Xunta ante a falta de axudas e iniciativas

Rafael Rodríguez Villarino critica a “desidia e o abandono” por parte da Xunta de Galicia, ante un problema que está afectando gravemente a comunidade autónoma, e especialmente ás provincias de Ourense e Lugo. Neste senso lembra que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, “ten as competencias gandeiras na nosa comunidade e a capacidade de por en marcha medidas e axudas para paliar as perdas dos gandeiros”.

“A Xunta debe actuar tamén á maior brevidade posible e habilitar unha liña de axudas para as gandeiras e gandeiros afectados pola EHE”, sinala Villarino, que tamén apunta que “son moitas as familias da provincia de Ourense que dependen deste sector”. O senador socialista pola provincia de Ourense tamén pon de manifesto que “existe unha gran desconexión entre o que acontece sobre o terreo e a Xunta de Galicia, cunha consellería ausente e que aínda non se dignou a coñecer de primeira man o que acontece”.

Villarino finaliza sinalando que a Xunta “debe deixar de botar balóns fóra, supeditando a súa actuación á activación de axudas por parte do Goberno Central, cando ten as competencias e a capacidade económica para apoiar tamén aos gandeiros e gandeiras”.

0.19607710838318