Os socialistas ourensáns manifestan o seu apoio ao movemento 'Free Lusquiños'

OurenseXa
“Trátase dunhas instalacións ás que lle temos especial aprezo e que supoñían unha oportunidade para a xuventude da cidade", afirman desde o PSOE
Os socialistas ourensáns nun encontro con representantes do movemento 'Free Lusquiños'
Os socialistas ourensáns nun encontro con representantes do movemento 'Free Lusquiños'
12 Xul 2024

O grupo municipal socialista lamenta a actitude do goberno de Democracia Orensana ante o abandono no que ten sumido o Espazo Lusquiños dende hai máis dun ano e medio. “Trátase dunhas instalacións ás que lle temos especial aprezo, non o podemos negar, e que supoñían unha oportunidade para a xuventude da cidade que atopaba entre as súas paredes un lugar para o ocio e a formación”, afirma a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González Benéitez.

Esta mañá, a portavoz do grupo na Corporación e secretaria xeral do partido na cidade e a edil Alba Iglesias –así como integrantes de Xuventudes Socialistas– mantiveron un encontro coa mocidade do movemento Free Lusquiños que vén reclamando a reapertura do edificio para que os grupos de música teñan onde ensaiar. Neste senso, aproveitaron para trasladarlles o seu apoio e disposición para todo o que precisen, así como agradecer o labor que están a facer exercendo de revulsivo da sociedade.

“A aposta de Jácome e o seu equipo pola xuventude é nula. Temos solicitado en múltiples ocasións que se convoque o Consello da Xuventude e que se escoiten as necesidades, demandas e ideas da xente nova mais con escaso éxito. Tampouco se ofertan máis que orquestras e a carteira municipal correspondente carece de actividade. Non entenden que a mocidade ten máis inquedanzas que as charangas”, explica a portavoz facendo balance dos últimos anos.

0.114098072052