Os socialistas ourensáns poñen de relevo o labor das asociacións feministas na loita pola erradicación da violencia

OurenseXa
“Hoxe as vítimas non están soas e teñen multitude de recursos para acompañalas”, incidiu a secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González
Acto do PSdeG-PSOE de Ourense polo 25N
Acto do PSdeG-PSOE de Ourense polo 25N
27 Nov 2024

“No que levamos de 2024, 41 mulleres foron asasinadas por violencia de xénero; 1.285 mulleres dende o ano 2003”, comezou destacando a secretaria de Igualdade da Comisión Executiva Municipal, Zaida Rodríguez Camba, na súa intervención durante o acto para conmemorar o 25N do PSdeG de Ourense. “Unhas cifras terribles e incompatibles coa democracia e que esconden as vidas truncadas de mulleres, dos seus fillos e fillas e das súas familias e amizades”, sopesou.

No acto, que contou cunha actuación musical da Dama de Gris que interpretou diferentes temas que abordan a problemática da violencia machista, tamén se puxo de relieve a importancia de romper con esa “violencia estrutural”. “Este 28 de decembro de 2024, España celebrará 20 años dende a aprobación da Lei Integral de Loita Contra a Violencia de Xénero. Unha lei aprobada baixo o Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero e que marcou e consolidou un cambio de paradigma respecto á violencia de xénero ao considerala, de maneira formal, unha cuestión de Estado”, lembrou.

E neste mesmo senso se manifestou a secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González Benéitez, cando recordou a gran loita cas asociacións feministas desempeñaron e que foi fundamental para desenvolver, posteriormente, dita lei. “Era unha reivindicación histórica do movemento feminista que compartimos como socialistas e traballamos man a man coas organizacións de mulleres para sacala adiante”, enxalzou.

As e os socialistas enumeraron algúns dos logros acadados e protexidos por este texto legal como foi a creación de xulgados especializados en materia de violencia de xénero e que permiten aos órganos da xustiza levar a cabo investigacións máis eficaces e un mellor tratamento para as vítimas. “Non podemos saber a cantas mulleres salvou a lei integral, pero hainas. Moitas. Do mesmo xeito que hoxe as vítimas non están soas e teñen multitude de recursos para acompañalas e saír da espiral da violencia. Por todas elas, nin un paso atrás”, afirmou a tamén voceira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense.

Remataron insistindo en que os e as socialistas continuarán aportando para conseguir unha sociedade na que ningunha muller, nena ou neno sexa tratado como mercancía. “A abolición da prostitución e a erradicación da trata con fins de explotación sexual son obxectivos esenciais para avanzar cara unha sociedade verdadeiramente igualitaria. Quedan moitas cousas por facer, non é sinxelo o camiño, pero nunca nos sairemos del”, remataron.

0.1624698638916