Os socialistas ourensáns poñen en valor o copromiso do Goberno do estado coas estradas da provincia

OurenseXa
Destacan os traballos iniciados na N-525 ao seu paso pola capital
Rafael Rodríguez Villarino e Marga Martín
Marga Martín e Rafa R. Villarino
9 May 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense salienta o compromiso do Goberno do Estado coa rede de estradas de titularidade nacional na provincia, tras o inicio das obras de mellora do firme da N-525 ao seu paso por Ourense. As e os socialistas destacan que os traballos iniciados este mércores permitirán unha mellora “notoria” dun tramo polo que circulan a diario milleiro de vehículos e que “é clave nas conexións entre a capital, os polígonos industriais e varios concellos limítrofes coa cidade”.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, explican que as obras iniciadas por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, e que afectan ao tramo quilométrico comprendido entre os puntos 235 e 236,3, poñen de manifesto que o Goberno “pensa na provincia e nas estradas de titularidade estatal, mellorando infraestruturas clave para o tránsito diario de milleiros de ourensáns e ourensás”.

Deputada e senador fan fincapé en que “o Goberno aposta por Ourense e pola rede de estradas, tal e como quedou patente dende 2019, con investimentos nunca antes vistos nesta materia na provincia, e que supuxeron unha importante mellora do firme das estradas e da seguridade viaria”. Martín e Villarino coinciden ao sinalar que “namentres temos un goberno galego totalmente ausente e que ignora por completo as necesidade da provincia, o Goberno central si atende as reclamacións da cidadanía, mellorándolles as condicións de vida no seu día a día”.

Dende o PSOE ourensán lembran que os traballos xa comezados, súmanse a outros xa executados ao longo dos últimos anos polo Ministerio de Transportes na N-525. Neste senso lembran a rehabilitación do firme en ambos carrís entre Sandiás e Allariz, cun investimento de 530.000 euros. A reparación do firme por emerxencias en diversos puntos de estradas e autovías na provincia, cun investimento de 14,12 millóns ou o repintado de marcas viais en diversas estradas, por importe de 200.000 euros.

Rafa Villarino e Marga Martín tamén destacan as obras licitadas ao longo dos últimos meses en materia de estradas por parte do Goberno central. Neste senso poñen como exemplos a humanización da N-525 ao seu paso por Xinzo de Limia, cun investimento de 4,8 millóns de euros, ou a execución do programa de firmes sostibles en diversas estradas, entre as que se atopa a N-525, por un total de 2,2 millóns. Tamén cabe destacar varios proxectos en redacción como a construción dun enlace e reordenación dos accesos na intersección de Ribela, por 2,1 millóns, a rehabilitación do forme de diferentes estradas por 3,6 millóns, o repintado de marcas viais en diversas estradas por 600.000 euros o as actuación do plan de acción contra o ruído da fase II de varias estradas, cun investimento estimado de 1 millón de euros.

Con respecto aos traballos da N-525 levaranse a cabo durante un prazo estimado de 15 a 20 días e comprenden varias actuacións, que suporán varios cortes para a execución das obras. A fase 1 comprende o corte total do ramal de saída da N-525 cara a OU-540, desviando o tráfico pola Rúa Fonsillón. A fase 2 costará totalmente o ramal de acceso á N-525 dende a OU-540, desviando o tráfico pola rúa Fonsillón. A fase 3 provocará o corte do ramal do acceso da N-525 dirección Vigo dende a Avenida Marcelo Macías. A fase 4 suporá o corte total do ramal de saída da N-525 dirección Vigo cara a Avenida Marcelo Macías. E por último, a fase 5 provocará o corte con paso alternativo de carrís no tronco de calzada segundo as necesidades dos traballos, sinalizando mediante semáforos ou sinalistas.

⚙ Configurar cookies
0.15867185592651