Os socialistas ourensáns presentará unha moción para esixir á Xunta que solucione as eivas no estadio do Couto

OurenseXa
Os socialistas levan denunciando nos últimos meses as deficiencias detectadas trala primeira fase das obras de remodelación desta infraestrutura
Natalia González e Alba Iglesias, grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
Natalia González e Alba Iglesias
5 Dec 2024

“O Estadio do Couto é unha das instalacións deportivas máis representativas de Ourense, tanto pola súa historia como polo seu valor simbólico. Non obstante, a súa situación actual dista moito de ser a desexable para que Ourense conte cunha infraestrutura moderna, accesible e de calidade, acorde coas necesidades dos clubs locais e a cidadanía que o utiliza”, comeza argumentando a edil do PSdeG no Concello Alba Iglesias na moción que defenderá o vindeiro pleno ordinario de decembro.

As e os edís do grupo municipal socialista levan denunciando nos últimos meses as deficiencias detectadas trala primeira fase das obras de remodelación desta infraestrutura imprescindible para o deporte na terceira cidade de Galicia. É por elo que instarán, mediante esta iniciativa e logo de ter presentado unha emenda aos orzamentos da Xunta da man da deputada Carmen Rodríguez Dacosta, á Xunta a que inclúa unha partida nos presupostos do 2025 para corrixir as eivas detectadas.

“Os vestiarios non teñen ventilación adecuada, a megafonía nos cumpre cos estándares mínimos de calidade e audibilidade precisos para albergar eventos deportivos de alto nivel, os despachos de billetes e os espazos destinados aos e ás profesionais de prensa atópanse nun estado pésimo e inservible e as bancadas non son para o fútbol profesional. O único que semella que quedou ben despois da reforma é o céspede”, enumera a concelleira sobre algúns dos problemas detectados e xa advertidos tamén no Consello Municipal de Deportes.

Precisamente por isto, a moción tamén recolle nos seus puntos de acordo instar ao goberno local a coordinar co CMD unha estratexia para garantir a xestión eficiente da remodelación. “O executivo municipal debe desempeñar un papel activo na supervisión das obras e na coordinación con outras administracións para asegurar que se realicen de acordo aos prazos e orzamentos establecidos”, esixen as e os socialistas no texto rexistrado.

“Non podemos admitir máis chapuzas e o PP terá que admitir a súa responsabilidade, así como solucionar as eivas da primeira fase de remodelación que supuxo un investimento de case 3 millóns de euros. Unha infraestrutura moderna e de calidade beneficiará a toda a cidadanía, mellorando a seguridade, a accesibilidade e as condicións das instalacións deportivas”, remata incidindo a edil.

⚙ Configurar cookies
0.68503999710083