Os socialistas piden a Jácome que reactive o Consello Ecolar Municipal
Nas últimas Xuntas de Área que tiveron lugar, as e os socialistas preguntaron pola reactivación do Consello Escolar Municipal (CEM) sen obter resposta por parte do executivo de Gonzalo Pérez Jácome, explican desde o PSdeG-PSOE de Ourense.
“Dende a chegada ao goberno do alcalde, en 2019, nada se sabe deste órgano. A última composición pública que se atopa vixente e colgada na web do Concello de Ourense data do ano 2016, hai 8 anos, e seguimos á espera de que se nos dea resposta ás solicitudes de información ao respecto”, resume a edil do PSdeG Cristina Cruz.
O Consello Escolar Municipal constituíuse como un órgano superior de consulta, información, de participación cidadá nos asuntos referidos ás competencias municipais en materia de Educación e de asesoramento dos proxectos da lei ou dos regulamentos que haxan de ser propostos pola Xunta de Galicia, segundo lembra a socailista. Ademais, conta cun regulamento propio no que se define a súa constitución, composición, funcións, fins, organización e funcionamento, entre outros.
“Dende o PSOE entendemos que o CEM ten que ser recuperado e potenciado para desenvolver accións conxuntas e recuperar os estreitos e necesarios vínculos e sinerxias entre o Concello e os centros educativos da cidade, a día de hoxe limitados en moitos casos a simple mantemento”, remata instando a edil ao rexedor e o seu equipo de goberno.