Os socialistas piden a reforma integral de PROGAPE Ourense e mellorar as políticas sobre animais na cidade

OurenseXa
Solicitan a creación de novos parques caninos en barrios que carecen deles e acometer melloras urxentes nos espazos da cidade destinados ás mascotas
Alba-Iglesias-mocion-animais-ourense
Alba Iglesias
21 Feb 2025

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense reclama a mellora das políticas de convivencia responsable con animais na cidade e a reforma integral de PROGAPE.

Por iso, presentarán no vindeiro pleno ordinario de marzo unha iniciativa para a creación de novos parques caninos en barrios que carecen deles e a acometer melloras urxentes nos espazos da cidade destinados ás mascotas. Ademais, piden poñer en marcha campañas informativas e de sensibilización en materia de benestar animal e colaborar co tecido asociativo como APMOU e a protectora de animais.

“Cada vez hai máis familias que teñen mascotas en Ourense”, afirma a edil do PSdeG no Concello Alba Iglesias. O problema, di, “está en que as infraestruturas e os servizo públicos destinados a elas non creceron ao mesmo ritmo e cando iso pasa, cando a cidade non está preparada, a convivencia se fai máis difícil afectando tanto aos que teñen mascota como aos que non”. Por iso, os socialistas presentará unha iniciativa, no pleno ordinario do mes de marzo, para ofrecer solucións ao respecto.

Neste senso, a socialista defende que os parques caninos sexan funcionais e estean provistos de fontes de auga para os animais, iluminación para poder empregalos pola noite e áreas onde resgardarse cando chove. “Ademais, hai zonas de Ourense que non contan con ningún destes espazos verdes o que se traduce en maiores conflitos en parques infantís, xardíns e rúas que non están preparadas para esta nova realidade”, advirte.

“Impórtannos os animais que teñen familia, pero tamén os que non. E todos sabemos que a protectora de animais leva anos en condicións lamentables e a súa situación, pese a non ser nova, leva moito tempo sen solución”, engade sobre outro dos puntos de acordo que recolle o texto rexistrado.

Finalmente, as e os socialistas afirman que este proposta ten un obxectivo claro: que Ourense sexa unha cidade exemplar no trato aos animais e na convivencia responsable. “A reforma de PROGAPE e a creación de espazos públicos, así como o mantemento e mellora dos existentes son pasos imprescindibles para lograr un equilibrio entre as necesidades dos animais e as expectativas da cidadanía”, sentencian, e entenden que “a responsabilidade do Concello é irrenunciable nesta tarefa”.

0.167072057724