Os socialistas piden reducir as listas de agarda do CHUO

OurenseXa
Esixen á Xunta que elabore un plan para o hospital ourensán, que en algúns casos duplica a media galega nas listas de agarda
CHUO-Ourense
Imaxe do CHUO
15 Jan 2025

“Os datos, recentemente coñecidos, das listas de agarda do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) non resultan alarmantes só porque nalgúns casos duplican aos de Galicia, senón tamén porque tanto profesionais como pacientes, e a cidadanía en xeral, saben perfectamente que non se corresponden coas experiencias propias ou próximas que amosan realidades moi distintas”, destaca a portavoz do grupo municipal socialista no Concello e secretaria xeral do PSdeG na cidade, Natalia González Benéitez.

“O tempo que unha persoa espera por unha cita non é computado na súa totalidade, dado que só se contabiliza desde que se marca a cita nunha axenda, pero non desde que é solicitada polo médico de Atención Primaria”, continúa explicando a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta que este xoves presentará unha iniciativa para que o Goberno de Rueda elabore e poña en marcha un plan que reduza a agarda que padecen os e as ourensás que precisan consulta cun especialista ou para ser intervidos cirurxicamente.

Neste senso, as socialistas destacan que a media galega para unha consulta é de 71,6 días fronte aos 141,8 días do CHUO. “Queremos que quede moi claro que temos un excelente nivel de profesionais sanitarios, pero os problemas orixínanse pola ineficiencia do sistema, froito da imposibilidade de responder aos problemas que xorden, ou facelo con atraso, dados os recortes que durante a última década limitaron a capacidade asistencial”, lembra a deputada do PSdeG.

No que atinxe ás consultas por especialidades subliñan algunhas cifras “inasumibles” e “alarmantes” como os 300 días de espera no servizo de Rehabilitación, os 147 días de espera para Oftalmoloxía, os 84 para Traumatoloxía ou os61,3 en Psiquiatría. “Se falamos de cirurxía, a media en Galicia está en 72 días, pero no CHUO en 88,9”, incide sobre a infraestrutura sanitaria de referencia para toda a provincia.

Así mesmo, as socialistas denuncian que estas cifras esconden diagnósticos tardíos ou a cronificación de enfermidades, así como permanecer durante meses con dor posto que a situación actual é peor do que amosan os datos. “Sabemos que o habitual é agardar semanas ou meses por unha chamada que marca a data da cita, mais ese tempo non se contabiliza. De canto estariamos a falar se as listas recollesen a realidade? Que cifras acadariamos?”, rematan preguntándose.

 

0.16152691841125