Os socialistas sinalan a Jácome como o único culpable dos impagos nas nóminas dos traballadores municipais
A portavoz do grupo municipal socialista e secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González, denuncia a falta de información sobre a situación de impagos e demoras nas nóminas dos empregados e empregadas do Concello. "Aínda non sabemos como está a xestionar o executivo municipal, nin que impacto vai ter, a sentenza de anulación do capítulo I dos Orzamentos de 2020 aprobados por DO e PP", afirma e lamenta que fosen incapaces de dar conta aos grupos políticos nas Xuntas de Área da pasada semana.
"Só sabemos que está en risco o abono completo das nóminas dos e das traballadoras municipais no presente ano, que neste mes algúns deles non poderán percibir o seu salario completo nin os pluses correspondentes e que a única resposta é derivar responsabilidades na intervención, dar largas e non ofrecer solucións concretas a un problema que eles mesmos xeraron pola súa ineptitude e ausencia de diálogo", explica sobre o asunto.
Así as cousas, as e os edís do PSdeG esixen ao rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, como máximo responsable da área de Persoal e Recursos Humanos do Concello "que actúe con transparencia e dilixencia para solventar esta grave situación".
Ademais, trasladan o seu "apoio e solidaridade aos empregados e empregadas afectadas ante este desgoberno incapaz de xestionar e solucionar o máis básico".
As declaracións prodúcense logo das reiteradas protestas dos empregados municipáis que se veñen producido ao longo desta semana tras recibir unha circular por parte do Concello na que se informaba de que estes seguirían sen cobrar parte da nómina do mes de abril.