Ourense acolle este xoves a 'Noite Teatral Benéfica' de AODEMPER
OurenseXa
O grupo teatral Silvardeiras representará a peza 'Tal carro vai como estadullos leva'
Teatro Principal de Ourense
28 Nov 2024
A Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER) organiza este xoves, 28 de novembro, unha 'Noite Teatral Benéfica' no Teatro Principal de Ourense. Trátase “dun evento especial no que a cultura e a solidariedade únense para apoiar unha boa causa”, segundo explican dende a asociación.
A cita arrancará ás 20.00 horas coa presentación de 'Abórdaxe' a cargo das persoas usuarias de AODEMPER e continuará coa representación da función 'Tal carro vai como estadullos leva', a cargo do grupo teatral Silvardeiras.
As entradas poden adquirirse este mesmo xoves na billetería do Teatro Principal por un prezo de cinco euros, que serán destinados á asociación.