Ourense acolle o primeiro mitin de campaña do PP para as europeas
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pide o voto nestas eleccións europeas apelando a unha Europa que se pareza máis ao xeito de funcionar que ten Galicia e non ao desleixo que demostra o Goberno central cara a nosa Comunidade, polo que chama aos galegos a facerse oír en Europa e a facerse respectar en España a través do seu voto.
Na súa intervención no mitin celebrado esta tarde no Pereiro de Aguiar, o líder dos populares galegos reivindicou Galicia como o exemplo a seguir a nivel europeo no que se refire a atención ás familias, ao mar e aos proxectos que crean emprego e xeran riqueza.
Insistiu en que estas eleccións son a ocasión para dicir en toda España o que os galegos pensan da situación política actual, "para que a nosa Comunidade recupere a atención que merece e para que os problemas da cidadanía volvan poñerse enriba da mesa. Pero, sobre todo, a mellor oportunidade para que Europa bote a Galicia a man que non lle bota o Goberno central", di o presidente.
O presidente asegurou que calquera voto que non vaia para o Partido Popular beneficia a Pedro Sánchez "e só servirá para afondar nos incumprimentos do Goberno central con Galicia. De forma análoga, explicou que calquera voto que vaia ao BNG vai directamente a Bildu e a Esquerra, cos que os independentistas galegos comparten candidatura por moito que traten de escondelo".
"O voto o próximo 9 de xuño ten que ser, en consecuencia, a resposta por unha Galicia que se reafirme con forza no seu estilo, por unha España que se pareza máis a Galicia e por unha Europa na que os galegos teñamos o protagonismo que nos corresponde", sinalou.
Millán Mon destaca que o primeiro mitin de campaña fágase en Ourense
Pola súa banda, o candidato Francisco Millán Mon quixo agradecer ao Partido Popular de Ourense a celebración deste primeiro mitin de campaña e sinalou que a provincia pode estar tranquila, xa que seguirá tendo nel un firme defensor dos seus intereses en Bruxelas o próximos cinco anos.
Reiterou que estas eleccións son moi importantes para a Unión Europea, pero tamén para Galicia e para España subliñando aspectos cruciais para o seu benestar como a agricultura e gandería, industria, infraestruturas, transporte, enerxía, pesca, financiamento ou comercio exterior.
Por último, Millán Mon pediu unha alta participación e trasladou a súa esperanza de que o Partido Popular sexa a opción preferida polos galegos nas urnas como nas autonómicas deste ano e as xerais de xullo do ano pasado
“É unha oportunidade para todos os galegos -e tamén para todos os españois- de responder as políticas populistas e profundamente prexudiciais de Sánchez, así como de facer oír as súas voces en Europa. Pido o voto para que haxa unha repartición xusta dos fondos europeos entre as comunidades autónomas e pido o voto tamén para poder seguir loitando por unhas políticas xustas para o noso rural”, concluíu o político pontevedrés.
Pola súa banda, o líder provincial do PP de Ourense, Luis Menor, apelou ao “voto da estabilidade e da certeza que en febreiro nos deu un goberno sólido, forte e de maioría en Galicia”, pedindo de novo aquel apoio como “a resposta que necesita España para enviar unha mensaxe de confianza a Europa”
Hai catro meses, dixo, “demostramos que nesta provincia hai un partido con fame de triunfos” e por iso pediu aos seus que “agora demostremos que aquela marea de confianza non foi casualidade senón froito do traballo e da implicación das mulleres e homes do Partido Popular”.