Ourense acollerá a II Gala Por Eles TEA o vindeiro 13 de abril
OurenseXa
O obxectivo é visibilizar o autismo, sensibilizar á sociedade e axudar cos proxectos que pretende desenvolver a asociación
Presentación da II Gala Por Eles TEA no Concello de Ourense
30 Mar 2024
O Auditorio de Ourense acollerá a segunda Gala Por Eles TEA o sábado, 13 de abril, que contará varias actuacións de música e danza.
Ana Fernández, concelleira de Asuntos Sociais, presentou no Salón de plenos do concello de Ourense esta gala acompañada de responsables da organización.
María Losada, vicepresidenta da Asociación Por Eles TEA, Rebeca Iglesias, vocal da entidade, e Marta Bravo, directora do Estudio Repenica mostraron os detalles da edición de 2024.
"Visibilizar o autismo, sensibilizar á sociedade e axudar cos proxectos que pretende desenvolver a asociación" é o primeiro obxectivo deste evento segundo indicou María Losada, vicepresidenta da Asociación Por Eles TEA. Os asistentes a este evento poderán gozar dun "espectáculo precioso de música e de danza, no que contaremos algunhas cousiñas acerca do autismo e da nosa asociación para que toda a sociedade ourensá nos coñeza mellor".
Entre os participantes neste evento que, presentará o actor e escritor Pablo Piñeiro, atopamos:
• Escola Estudio Repenica.
• Tango & Cash (Manu Díaz y Diego Bustillo).
• Coral A Tempo.
• Escola de baile Catro Pasos.
• Coro Universitario do Campus de Ourense.
• Escola de baile Tics
As entradas deste acto están a venta na web de Ataquilla cun prezo de 8 euros. Os organizadores tamén poñen a disposición dos interesados unha Fila 0: ES90 2100 4147 8922 0011 3712.