Ourense aproba o primeiro Programa de Termalismo para Nómades Dixitais de toda España

OurenseXa
O Programa contempla estancias termais de entre 10 e 30 días en réxime de pensión completa, con acceso a internet de alta velocidade, así como 10 técnicas termais e posibilidade de revisión médica
Balneario de Lobios
20 Xuño 2024

A Deputación de Ourense vén de aprobar, en Xunta de Goberno, o primeiro Programa de Termalismo para Nómades Dixitais de toda España. O concepto de 'nómade dixital' foi utilizado por primeira vez en 1997 para referirse a un novo modo de vida no que, grazas aos avances tecnolóxicos, os profesionais traballarían en calquera lugar e en calquera momento. Actualmente, este termo popularizouse para describir a quen traballa de maneira remota e sen estar limitados por unha localización xeográfica fixa. España está entre os tres destinos preferidos para moitos dos 35 millóns de nómades dixitais que hai no mundo.

Entre os beneficios do traballo remoto atópanse a flexibilidade horaria e xeográfica, o aforro de tempo e diñeiro ou o incremento na capacidade de concentración no traballo. Actualmente, a maior parte dos nómades dixitais son autónomos (83%). Deles, o 66% son propietarios de negocios, mentres que o 34% traballan como 'freelance'.

Precisamente, a formulación da Deputación de Ourense é configurar un programa para que os balnearios da provincia poidan captar este tipo de perfís profesionais.

A lei de startups contempla aos nómades dixitais

En España, no marco da lei de startups, aprobouse o "visado para teletraballo de carácter internacional". Este permiso ten unha duración dun ano (renovable por períodos de dous anos ata un máximo de tres) e pódeno solicitar estranxeiros non residentes en España para traballar a distancia para unha empresa radicada noutro país ou para si mesmos baixo un réxime fiscal beneficioso.

En concreto, estes traballadores, profesionais altamente cualificados, emprendedores e investidores (e a súa unidade familiar) poderán optar por tributar polo Imposto da Renda de non Residentes (IRNR) durante o período impositivo de cambio de residencia e os cinco seguintes. A área de Benestar da Deputación de Ourense asesorará a todos aqueles nómades dixitais que se interesen polo Programa Termal sobre o visado que permitiría a súa entrada e residencia en Europa.

As Vilas Termais e os balnearios, un destino nómade dixital

Os balnearios estiveron desde sempre vinculados aos procesos de transformación e cambios; no seu día, relacionados estritamente coa innovación médica que estes supoñían, cando se presentaban como unha nova terapia, para pasar despois á innovación social que implican transformacións de condutas.

Nesta histórica capacidade de estar vinculados á transformación quérense identificar como destino nómade dixital, e abandeirar o concepto de “nómades dixitais termais”. Queren seguir participando de forma activa neste novo impulso social e laboral que asente as bases dunha nova cultura, e ofrecer aos membros deste concepto de traballo nómade alternativas que faciliten a atención a necesidades existentes, tales como aloxamento, alimentación e lecer experiencial conxugando con boa conexión a internet, tanto nos seus espazos individuais como nos comúns, e espazos flexibles de traballo compartidos xerando unha contorna propicia para a produtividade.

Os balnearios atópanse situados en contornas cunha rica cultura, ofrecen un ambiente tranquilo e rural caracterizado pola hospitalidade, o acceso á gastronomía local, e acceso a novas experiencias.

Ao tempo desexan ofrecer ao ámbito territorial onde a instalacións balnearias están situadas, a posibilidade de acceder ao coñecemento que proxectan os membros desta comunidade, xa que con eles levan os seus modelos de proxectos e negocios, mestúranse coa comunidade empresarial local, e posibilitan que se poida acceder ao talento sen necesidade de ter que contratar de maneira formal. Trátase, pois, dunha oportunidade que desde a administración provincial quere potenciarse.

A esta formulación de atracción como destino nómade dixital que contribúe á diferenciación do sector, que atrae poboación e fixa servizos no territorio, súmase a Deputación de Ourense desenvolvendo o seu Programa de Termalismo Nómade Dixital.

O Programa de Termalismo Social para nómades dixitais

O Programa contempla estancias termais de entre 10 e 30 días en réxime de pensión completa, con acceso a internet de alta velocidade, así como 10 técnicas termais e posibilidade de revisión médica.

As persoas beneficiarias deben ter un traballo acreditado e baseado no uso da internet, as prazas poderanse obter en tempo real a través de internet desde o día seguinte ao da publicación das bases da convocatoria no BOP.

Implicación dunha multinacional operadora de telecomunicacións

Desde a área de Benestar estase en conversacións cunha multinacional operadora de telecomunicacións para que sexa entidade colaboradora no proxecto. A formulación é que a operadora garanta a conexión de alta velocidade nos establecementos termais e nas súas contorna, así como que se implique na visibilidade da iniciativa a través de diferentes fórmulas de promoción e difusión que se están analizando.

Reunión para expoñer a iniciativa a Turespaña

Recentemente, Luis Menor reuniuse con Turespaña a través de Álvaro Blanco, director da Oficina de Turismo de España en Berlín. Na reunión, o presidente da Deputación de Ourense expuxo o proxecto, así como diferentes posibilidades de colaboración, atopando unha gran disposición para elo. Unha das posibilidades que se van a estudar é organizar unha reunión na Embaixada de España en Berlín para presentar o proxecto a nómades que actualmente estean na capital do país, así como a teletraballadores residentes en Alemaña.

Presentación do Programa na Asemblea da FEMP

O presidente provincial, Luis Menor, que xa avanzara este proxecto durante a súa intervención no XVII Encontro e Asemblea da Rede de Vilas Termais da FEMP, organismo que preside durante o presente mandato, recalca que “estamos ante unha innovación máis que desenvolvemos na Deputación para captar un público diverso á nosa provincia”, polo que felicita á Área de Benestar da institución provincial “por continuar a traballar na procura de accións que redunden no beneficio das persoas e do sector termal de Ourense”.

0.11766695976257