Ourense celebra esta fin de semana o I Campionato de España de Atletismo en Pista Curta FEDDI 2025

Expourense acollía esta mañá a presentación do I Campionato de España de Atletismo en Pista Curta organizado pola Federación Española de Deportes para persoas con Discapacidade Intelectual, que se celebrará na pista de atletismo do recinto feiral durante toda a fin de semana. Reunirá en total 272 deportistas con e sen discapacidade procedentes de 25 clubs diferentes de 12 comunidades autónomas.
Este Campionato supón a primeira edición do Campionato de España de Short Track FEDDI individual e de clubs. Representa o peche do período de clasificación para o Campionato de Europa Short Track VIRTUS (a federación internacional), que se celebrará en Espoo (Finlandia) do 27 ao 31 de marzo. Trala súa celebración, conformarase o equipo nacional que representará a España nesta competición. O evento retransmitirase en directo a través do canal de YouTube de FEDDI.
A presentación deste Campionato contou coa participación do xefe de Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez; o vicepresidente da Deputación provincial de Ourense, César Fernández; a directora executiva da Federación Española de Deportes para persoas con Discapacidade Intelectual (FEDDI), Celia Garrote de las Heras; a secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA), Susana García Senra, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Asistiron tamén o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Lalo Gómez, e o presidente do CD La Purísima, David Valcárcel.
A secretaria de FEDDI destacou durante a súa intervención que “é unha importante acción de inclusión, xa que en colaboración coa Federación Galega de Atletismo ofreceuse a posibilidade a deportistas galegos de participar no evento a modo control. Deste xeito, conseguimos que deportistas con e sen discapacidade compartan un mesmo espazo de competición e os mesmos obxectivos: acadar as súas mellores marcas”.
Con este campionato, son xa máis dunha ducia os Campionatos de España de Atletismo que acolleu esta instalación punteira que, tal e como indicou o director xerente de Expourense durante a súa intervención, “foi cualificada polos propios atletas como ‘pista milagre’, unha pista rápida que foi, é e esperamos que siga sendo o escenario dos récords de España e do Mundo nas distintas categorías”.
O atletismo é o deporte que mellor se adapta ás circunstancias físicas ou intelectuais de cada atleta e, por iso, é unha das disciplinas con maior número de deportistas. Esta mesma semana celebramos o Campionato Galego de Deporte Adaptado, que supuxo un bo quecemento para a competición desta fin de semana, á que agora se suman deportistas de toda España.