Ourense celebra unha nova edición da XXVIII Feira de Artesanía

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou na inauguración da XXVIII Feira de Artesanía, que se celebra no Parque de San Lázaro ata o domingo 4 de maio. O evento está organizado pola Asociación de Artesáns de Ourense e conta coa colaboración da Xunta.
Gabriel Alén, destacou o valor deste tipo de actividades de comercialización e de divulgación dos nosos oficios artesanais na posta en valor da marca Artesanía de Galicia e na dinamización comercial e cultural das nosas vilas e cidades.
Nesta edición participan como expositores 10 obradoiros de Artesanía de Galicia especializados na xoiería, na bixutería, no manipulado de papel e no téxtil, en concreto, Paznavas (A Coruña), Amorei (Soutomaior), Mario López (Xoiería), Suso Calo - Lobo Tolo (Moaña), Luciérnaga (Barbadás), Chueco (A Coruña), Silvereira (Ames), María Aba (Ourense) e A Sariña Maquinando (Lugo).
Na programación deste ano inclúense tamén obradoiros de diferentes oficios, entre os que se atopa o de cestería que hoxe imparte Julia de la Cal, de La Parabólica, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024. Mañá domingo celebrarase un obradoiro de arte en papel a cargo de Mioco, o venres 2 de maio Marcos Domato amosará como se constrúe unha guitarra clásica, o sábado 3 Minia Banet de Variopinto impartirá un obradoiro de bordado sobre fotografía en papel, e o domingo 4, Sonia Álvarez de Olueis ofrecerá un obradoiro de arranxos florais.
O horario de apertura da feira é de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, e na programación de actividades inclúense tamén actuacións musicais e un sorteo diario de pezas artesás.