Ourense cobre as oito prazas fixas de pediatría en Atención Primaria
OurenseXa
No caso da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, foron asignadas todas as prazas convocadas, tres nos hospitais comarcais e cinco en Atención Primaria
Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
1 Mar 2024
O Servizo Galego de Saúde publicou no día de onte, na súa páxina web, a listaxe coas persoas que accederon á condición de pediatras con praza en propiedade na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, tanto en Atención Primaria como en Hospitais Comarcais, na convocatoria por concurso de méritos da Consellería de Sanidade para as prazas tipificadas como de difícil cobertura. En Galicia cubríronse neste proceso un total de setenta prazas, cincuenta e oito para atención primaria e doce para hospitais comarcais.
No caso da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, foron asignadas todas as prazas convocadas, tres nos hospitais comarcais (dúas no Hospital Público de Verín, e unha no Hospital Público de Valdeorras) e cinco en Atención Primaria (2 no Centro de Saúde de Verín, e 1 no Centros de Saúde de O Barco, 1 no Centro de Saúde de o Carballiño e 1 para os Centros de Maceda-Castro Caldelas-Trives).
Destes especialistas, no caso dos pediatras de hospital comarcal, un dos tres procede de fóra da nosa Área Sanitaria, mentres os outros dous consolidan con praza fixa o seu posto. No caso da Atención Primaria, son dous os especialistas que proceden doutras Áreas ou niveis asistenciais.
Está previsto que unha vez publicado no DOG comece o prazo de toma de posesión previa á súa incorporación efectiva nos seus novos postos durante este mes de marzo.
A convocatoria establece un procedemento que permite á Administración que, no suposto de non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido dalgún aspirante seleccionado, poida seleccionar a novos aspirantes, atendendo á puntuación que resulte da lista definitiva do proceso entre aqueles aspirantes que non obtiveron praza, coa finalidade de procurar a máxima cobertura das prazas.
Galicia pioneira no concurso de méritos
Neste proceso do concurso de méritos para obter praza en propiedade de pediatría, o número de persoas presentadas foi de 106 na categoría de pediatra de atención primaria e 75 na de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, facendo un total de 181 solicitudes.
Coa finalidade de diminuír o déficit de persoal sanitario de diversas especialidades, en Galicia aprobouse, en outubro de 2022, a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Sergas, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega. O acceso sen proba de exame, resulta da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras.
Polo mesmo sistema de concurso, durante o mes de febreiro comezou a incorporación de 42 médicos de familia de atención primaria e de 64 facultativos especialistas de atención primaria. Así, o Sergas conseguiu incorporar 106 médicos de atención primaria con carácter fixo. Previamente, incorporouse o persoal de enfermería por concurso de méritos de estabilización, sendo Galicia a primeira nos procesos de estabilización.