Ourense contará cun servizo de alugueiro de bicicletas eléctricas
A Xunta de Goberno Local, nunha convocatoria extraordinaria, de carácter urxente, convocada este venres, deu luz verde á aprobación dun expediente para a contratación da subministración de bicicletas eléctricas, estacións e ancoraxes para o Servizo Municipal de alugueiro de bicicletas do Concello de Ourense.
O contrato de subministración de bicicletas eléctricas (licitado por importe de 1.258.702,5 euros, IVE incluído) finánciase parcialmente a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos procedentes da Unión Europea - Next Generation EU, mediante subvención concedida polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable (Orde Ministerial publicada no Boletín Oficial do Estado n.º 175 do 24 de xullo de 2023) no marco da segunda convocatoria do Programa de Axudas a Municipios para a Implantación de Zonas de Baixas Emisións e a Transformación Dixital e Sustentable do Transporte Urbano, por un importe de 279.286,91 € na actuación “Implantación dun Sistema de Bicicleta Eléctrica Pública en Ourense” con código P12_L2-20220929-1 (ZBEMRR-22-00192), enmarcada no proxecto Move Ourense II aprobado pola Xunta de Goberno do Concello de Ourense o 29 de setembro de 2022.