Ourense impulsa un proxecto piloto de refuxios climáticos para protexer a biodiversidade urbana

OurenseXa
O proxecto ten como obxectivo facer fronte aos efectos do cambio climático no ámbito urbano, prestando especial atención á protección da biodiversidade
rua_paseo_ourense_recurso
Rúa do Paseo, Ourense
17 Jun 2025

O Concello de Ourense, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo veñen de asinar un convenio de colaboración para poñer en marcha un proxecto piloto centrado na creación de refuxios climáticos na cidade. O acordo foi formalizado esta mañá no salón de plenos municipal polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome, a conselleira Ángeles Vázquez e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.

O proxecto ten como obxectivo facer fronte aos efectos do cambio climático no ámbito urbano, prestando especial atención á protección da biodiversidade. Para iso, estudaranse as zonas máis afectadas pola calor extrema en Ourense —as chamadas illas de calor—, así como aquelas con condicións ambientais máis estables que poidan actuar como refuxios tanto para especies locais como para outras que, debido ao cambio climático, se vexan obrigadas a desprazarse.

Está previsto o deseño e montaxe dun dispositivo portátil capaz de rexistrar variables atmosféricas como temperatura e humidade relativa, co fin de elaborar un mapa detallado da cidade en termos de confort climático. Este sistema permitirá identificar zonas con condicións máis adecuadas para preservar a fauna e a flora locais.

Ademais da localización destas áreas de interese, o proxecto servirá para probar unha metodoloxía que poida aplicarse posteriormente noutras cidades galegas. Con isto, Ourense converterase nun laboratorio urbano de referencia para avanzar en políticas ambientais adaptadas ao contexto climático actual.

⚙ Configurar cookies
0.16735100746155