Ourense inaugura a mostra 'A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego'

OurenseXa
A exposición fotográfica, organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcarcel durante todo o mes de xullo
Inauguración da mostra 'A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego'
9 Jul 2024

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu este luns a inauguración da exposición fotográfica “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia. O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez, e o comisario da mostra, Fernando Blanco, foron os encargados de inaugurar a mostra.

Luis Menor afirmou que “estamos  ante unha mostra sen precedentes en Galicia, xa que reúne a gran parte dos fotoxornalistas en activo de toda Galicia, e a outros tantos xornalistas, por suposto cun protagonismo destacado para aqueles que captan cos seus obxectivos o que pasa cada día en Ourense”.

“Recibimos con gran satisfacción esta exposición, que plasma á perfección aquela idea inicial da Asociación de Periodistas de Galicia e do Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, e que hoxe é unha realidade que os ourensáns podemos admirar durante todo o mes de xullo”, engadiu Menor, quen manifestou que “desde a Deputación estamos encantados de contribuir a visibilizar o traballo do fotoxornalismo e do xornalismo, claves da nosa actualidade”.

Pola súa banda, María Méndez, presidenta da APG agradeceu ao presidente da Deputación que abrira as portas da súa institución e do Centro Marcos Valcárcel a esta iniciativa, o que “permitirá aos ourensáns viaxar polas paisaxes, personaxes e acontecementos aos que nos levan estas 73 magníficas instantáneas, aderezadas polas achegas literarias dos xornalistas”.

O comisario da mostra, Fernando Blanco, salientou o esforzo realizado, tanto polo seu colectivo de fotoxornalistas, como pola APG, para levar a bo porto este proxecto que agora se achega ás principais cidades de Galicia, agradecendo especialmente á Deputación de Ourense o seu apoio para que os habitantes desa cidade e desa provincia poidan agora desfrutar da mostra.

“Gracias á xenerosidade dos meus compañeiros”, afirmou tamén Blanco, “acadouse o fito histórico de xuntar a 73 profesionais do fotoxornalismo, dos 100 que traballan neste momento en Galicia, co inestimable reforzo dos textos dos xornalistas que acompañan ás obras”. “Buscamos unha ollada distinta”, rematou, “por que temos que competir coa inmediatez das redes sociais... agardamos que gocedes tanto das fotografías, como nós gozamos facéndoas”.

“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, que acadou máis de 11.000 visitas en Santiago e un notable éxito tamén na súa recente estadía en Pontevedra, estará aberta ao público no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense ata o próximo 4 de agosto, en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 21,00 horas de luns a venres; e de 11,00 a 14,00 horas, os sábados, domingos e festivos, así como os días 1, 2, 3 e 4 de agosto.

Coincidindo coa apertura da exposición en Ourense, presentouse a publicación "A Galicia inédita", que reúne o conxunto das fotografías e lendas da mostra. Con introdución do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e prologado polo Premio Nacional de Literatura Alfredo Conde, foi promovida pola APG e polo Colectivo de Fotoxornalistas, contando co patrocinio da Xunta de Galicia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1884241104126