Ourense recibiu máis dun millón de euros para mellorar o padrón municipal

OurenseXa
As subvencións que se conceden ás administracións locais no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) deixaron en Ourense 1.260.000 euros para levar a cabo esta tarefa
Concello de Ourense
26 Jul 2024

O Ministerio de Política Territorial publicou recentemente as subvencións que no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) se conceden ás administracións locais de toda España para a transformación dixital e modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal. Concretamente, a Ourense destinaranse 1.260.000 euros para levar a cabo esta tarefa.

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista consideran unha boa nova os fondos acadados que servirán, previsiblemente, para mellorar a calidade dun servizo público e que estaban destinados para todos aqueles proxectos que servisen para a posta en marcha dun novo sistema de xestión da información sobre o territorio de ámbito municipal ou para a posta en marcha dun novo sistema de intercambio de información padroal en tempo real entre os municipios e o Instituto Nacional de Estatística (INE).

No caso de Ourense, segundo a información publicada pola carteira ministerial no BOE, a cifra que supera o millón de euros de investimento será para o “padrón online”, facilitando así os trámites á cidadanía que require este servizo. En total, esta primeira resolución aprobada concede 47 dos 64 millóns de euros convocados.

Neste senso, as e os socialistas destacan a aposta do executivo central para facilitar aos concellos que poidan cumprir cos requisitos novos da Lei Reguladora de Bases de Réxime Local e que continúe traballando na transformación dixital das administracións públicas.

0.16873788833618