Paralízanse as obras na Avenida de Portugal pola falta de pagos por parte do Concello de Ourense

A empresa adxudicataria das obras para a reforma integral da Avenida de Portugal, unha das principais arterias da cidade, ven de anunciar publicamente que suspende os traballos de execución debido á “imposibilidade de manter a viabilidade financeira do proxecto ante o incumprimento dos compromisos de pago por parte da Administración local”.
Alén de cuestións técnicas, a empresa sinala que a día de hoxe, o Concello de Ourense adebeda as facturas correspondentes aos meses de novembro e decembro de 2025 e ao mes de xaneiro de 2026, argumentando que a suma destas faltas de pagamento fai inviable o mantemento dos subministros, a maquinaria e o persoal.
Tras coñecerse esta situación, dende o grupo municipal do BNG denuncian que se trata dun fito que non sorprende a ninguén. “Levamos moitos meses advertindo da situación e de que as obras poderían entrar en situación de parálise debido aos continuos incumprimentos por parte do Goberno local e agora vemos como todas as nosas advertencias eran certas e xa non é que o diga o BNG senón que o fai a propia empresa encargada da obra”, lembra o portavoz nacionalista, Luís Seara.
O voceiro nacionalista explica que “ao longo dos últimos días, recibimos información de que a empresa non ía continuar e de feito, temos constancia de que unha das subcontratas xa retirou a semana pasada parte do material e da maquinaria que alí se estaba a empregar”. Ademais, engade que o seu grupo preguntou “en múltiples ocasións tanto en Pleno como nas Xuntas de Área sobre o estado das obras e o cumprimento dos prazos e sempre se dixo por parte do Concelleiro delegado, Francisco Lorenzo, que as obras ían segundo o previsto, cando sabía que non era certo, polo que leva meses mentindo descaradamente”.
O BNG lembra o acontecido no Pleno extraordinario e urxente convocado o pasado sábado 31 de xaneiro, do cal se ausentaron e no que o Goberno local pretendeu e conseguiu, grazas aos votos do PP e do PSdeG-PSOE, levantar os reparos de Intervención a unha serie de certificacións das obras coa escusa de xustificar a non perda dos fondos Next Generation. Para o BNG “ditos fondos están perdidos e é algo que se verificará dentro dun tempo”.
Seara cualifica ese pleno como “un paripé” xa que di, “o que se pretendía non era salvar os fondos europeos, senón pagar as nóminas ás e aos traballadores que ameazaban ao Concello con parar a obra, agora o que ten que explicar o Concelleiro é por que non se saldaron a día de hoxe, ditas débedas”. Ademais, os nacionalistas advirten que esta non é a única débeda que ten o Concello polo que a esta paralización poden sucedela en vindeiras datas “outras que están en execución”.
O Grupo municipal nacionalista fai referencia igualmente ao acontecido hai algúns anos, xa con Gonzalo Pérez Jácome na Alcaldía, coas obras levadas a cabo en Rabo do Galo e Salto do Can. Traballos que din, “estiveron moito tempo paradas polo mesmo motivo, o incumprimento sistemático do Concello nos pagamentos até o punto de que a empresa adxudicataria, curiosamente a mesma que reclama agora, OPAIN SL, tivo que acudir ao Xulgado”.
E é que tal e como se recolle na acta da Xunta de Goberno local do 23 de xaneiro de 2025, a empresa reclamou vía xudicial algo máis de 330.000 euros que acabou pagando o programa de pagamento a provedores do Estado. Actualmente, segundo sinalan fontes nacionalistas, “existe aínda unha débeda pendente por actualización de prezos”.
Pola súa banda, dende o Grupo Municipal Socialista lamentan a actitude do goberno local, que din, “continúa a eludir a transparencia e o control democrático”, e lembran que solicitaron formalmente a convocatoria dunha xunta de portavoces co obxectivo de que o goberno municipal informase sobre a situación e o desenvolvemento de todas as obras que se están a executar na cidade. Porén, advirten, a xunta de portavoces non foi convocada nin se proporcionou a información solicitada.
“A pesar da nosa petición, non só se negaron a convocar a xuntanza, senón que tampouco se nos proporcionou ningunha información sobre o estado real das obras” denuncia a voceira socialista, Natalia González.
Ante esta situación, esixen explicacións inmediatas tras o anuncio da empresa concesaria que amosa “unha situación de caos financeiro da que as socialistas veñen advertindo ao longo do mandato e que deixa desprotexidos aos veciños e comerciantes afectados polas obras”.