Pereiro de Aguiar convoca un concurso para deseñar o logotipo da Biblioteca Municipal

O Concello de Pereiro de Aguiar ten aberto un concurso para elixir o logotipo da Biblioteca Municipal, aberto persoas maiores de 16 anos que poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 25 de abril.
O deseño, explican dende o Concello, pode ser en calquera estilo ou técnica, tanto físico coma dixital, e valorarase a facilidade e posibilidade de reprodución para o conxunto da imaxe gráfica.
O xurado estará formado por profesionais do deseño gráfico e Belas Artes e o fallo emitirase o día 28 de abril. Os gañadores do concurso comunicaranse mediante vía telefónica aos interesados e a través da web e das redes oficiais do Concello. O premio para o traballo gañador será de 100 euros.
V Concurso de Marcapáxinas
O Concello de Pereiro de Aguiar ten aberto tamén o prazo para presentarse ao V Concurso de Marcapáxinas, organizado co gallo do Día do Libro, que se celebra o vindeiro 23 de abril, pola Área de Cultura e a Biblioteca Municipal.
Neste caso, establécense tres categorías: de 3 a 6 anos, de 7 a 10 anos e de 11 a 15 anos. Os traballos presentaranse de xeito presencial na Biblioteca, de luns a venres de 9.45 a 13.30 horas. ou de 16.00 a 19.45 horas, e poderanse presentar un máximo de 2 por participante. O prazo estará aberto ata o vindeiro 16 de abril.