Pereiro de Aguiar ofrecerá axudas de ata 5.000 euros para a rehabilitación de vivendas en núcleos tradicionais

OurenseXa
A axuda estará financiada íntegramente con fondos municipais e será compatible con outras subvencións outorgadas por administracións central e autonómica
viviendas-pereiro-de-aguiar
Pereiro de Aguiar
11 Feb 2025

Segundo informan desde o Concello de Pereiro de Aguiar, o último pleno municipal aprobou por unanimidade a creación dunha nova liña de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas situadas en núcleos tradicionais, cun importe máximo de 5.000 euros por inmoble. Esta medida será incluída nos orzamentos municipais que o equipo de goberno está ultimando e que se aprobarán previsiblemente en marzo.

Esta iniciativa enmárcase dentro das políticas municipais para fomentar a actividade económica e social no municipio. No ano 2024, Pereiro de Aguiar rexistrou un total de 21 licenzas de obra maior, entre novas construcións de vivendas e naves industriais, consolidando a tendencia alcista dos últimos anos. Ademais, tramitáronse 13 expedientes de segregación, agrupamento e reordenación do solo, o que anticipa un crecemento na construción no futuro inmediato.

Segundo informan desde o Concello, a axuda para rehabilitación de vivendas estará financiada íntegramente con fondos municipais e será compatible con outras subvencións outorgadas por administracións central e autonómica. Os detalles concretos da súa concesión estableceranse nunha ordenanza en proceso de elaboración. Ademais, a medida terá carácter retroactivo, aplicándose ás licenzas outorgadas dende o 1 de xaneiro de 2024.

Nos últimos anos, o Concello de Pereiro de Aguiar implementou diversas iniciativas para dinamizar o sector inmobiliario, como a redución do ICIO ao 2% e a axilización na concesión de licenzas. A estas accións súmase a recente creación dun servizo de asesoramento sobre axudas á vivenda, que xa comezou a dar resultados positivos.

O alcalde, Luis Menor, explica que "esta nova liña de axudas contribuirá a que vivendas actualmente abandonadas nos núcleos tradicionais recobren vida e favorezan o crecemento poboacional, respondendo a unha das principais preocupacións da sociedade".

 

0.18111109733582