Pereiro de Aguiar presentou a programación cultural para este 2025

O Concello de Pereiro de Aguiar presentou esta semana a programación cultural para este ano, que se estenderá ata o mes de decembro con propostas para todas as idades que incluirán música, teatro, arte, tradición, eventos ao aire lbre, festas populares, literatura e cine.
Entre as activdades de abril, este mesmo venres día 25, Mar Rey presentará o seu libro "Ordena tu tiempo" ás 19.00 horas, tamén no Auditorio, e ao finalizar terá lugar a actuación do grupo musical Loureiro.
O mes de maio comezará o día 18 coa celebración do Día das Letras Galegas ás 19.00 horas, cunha actuación conxunta da Coral Terras de Aguiar, XC Caneiro e Emilio Rúa no Auditorio dos Gozos. Do 22 ao 25, celebrarase o OURENFEST na Praza do Concello do Pereiro e tamén nas instalacións deportivas de Monterrei, os días 23 e 24. Do 26 ao 30 terá lugar a Semana da Saúde no Auditorio dos Gozos. O día 30, ás 21.00 horas, as rúas do Pereiro acollerán a I Edición do Festival de Teatro Afeccionado Padre Feijoo, cunha representación da obra "Tan Lonxe, Tan Preto". Xa o día 31, o Auditorio será escenario de dúas obras teatrais: "O testamento do tío Nacho", representada polo grupo Loureiro ás 12.00 horas, e "Tempos mellores", do grupo A Caniceira de Trives, ás 19.00 horas.
En xuño, a programación continúa o día 1 cunha dobre sesión teatral: ás 12.00 horas representarase "Ei aquí hai vida", a cargo do grupo do Centro Social de Maceda, e ás 19.00 horas terá lugar a estrea da Aula de Teatro do Pereiro de Aguiar co espectáculo "Puntadas Rebeldes", ambas no Auditorio dos Gozos. O día 21, ás 19.00 horas, as Pandereteiras do Pereiro de Aguiar actuarán no Campo dos Gozos.
Xa en xullo, o día 13 a Praza do Concello será o escenario da VI Feira Etnográfica, que comezará ás 11.00 horas con mercado artesanal, teatro, danza e música. Participarán, entre outros, Castro Floxo, Peter Punk, Brais das Hortas, A Felga e Feira Miúda. O día 18, ás 20.00 horas, terá lugar o espectáculo "MeRe-cidamente", de MOC MOC MeRe Clown, cheo de humor, malabares e diversión. O día 25, ás 20.30 horas, celebrarase o Día de Galicia cun concerto do Grupo Rebulir.
En agosto, o día 1 ás 20.00 horas, Teatro Ghazafelhos traerá o espectáculo "Contamos contos de lobos?" á Praza do Concello. O día 22, Galerna Crua presentará "Cantos e contos da foresta" tamén na praza, ás 20.00 horas. E o día 29, ás 21.00 horas, pecharase o mes cun concerto do grupo Etiqueta Negra.
Setembro comezará coa Xoldra de Aguiar no Campo dos Gozos o día 12, e o día 20, ás 21.00 horas, Óscar Ibáñez ofrecerá un concerto na Praza do Concello.
Outubro reservará para o día 24 un contacontos con Xan das Ondas e Barafunda Animación, ás 18.00 horas no Auditorio dos Gozos.
Finalmente, o Nadal chegará en decembro con dúas actividades moi especiais: o día 23, ás 16.00 horas, Papá Noel visitará o Auditorio dos Gozos, e ás 18.00 horas, Trémola Teatro levará ao escenario a obra "En busca de Papá Noel".