Pontón asegura que reforzará o CHOU con verdadeiras unidades de ictus e xeriatría

OurenseXa
A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, comprometeuse tamén a defender o rural galego, garantindo prezos xustos para os produtores e produtoras e reducindo a burocracia.
BNG_mitin_Ourense
8 Feb 2024

A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, asegurou onte no mitin de Ourense que que o goberno liderado polo BNG potenciará os contratos estables e porá en marcha un plan de formación e de investigación para estabilizar ao persoal médico. Ademais, avanzou que se os galegos e as galegas lle dan a confianza precisa para ser presidenta o CHOU vai contar con “verdadeiras” unidades de xeriatría e de ictus. 

Pontón manifestou que, para o BNG "non é normal que o Hospital de Ourense careza dunha verdadeira unidade de xeriatría que atenda como se merecen ás persoas maiores”, pese a atender a unha das zonas coa poboación máis envellecidas do Estado, precisou. O mesmo sucede co ictus, unha doenza que en Ourense ten unha incidencia moi por riba da media, o que require unha atención específica, e de aí o seu compromiso de reforzar tamén neste eido os servizos que ofrece o CHOU.

No ámbito de sanidade, avanzou tamén que co BNG na Xunta o Barrio do 21 vai ter por fin o centro de saúde “polo que leva tantos anos esperando”. Unha infraestrutura que o PP aparcou pese a que xa fora aprobada nos anos nos que o BNG formou parte do Goberno galego. “A partir do 18 de febreiro nós imos sacalo do caixón para facelo realidade”, garantiu. 

“Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferente”, proclamou. Ademais, comprometeuse a ser a ser a presidenta “coas más libres” que goberne da man da xente, defendendo os servizos públicos da Galiza en grande que quere construír o BNG. “Sei moi ben quen son, para que estou aquí e a quen me debo. Eu débome á xente que defende a sanidade pública”, asegurou. 

Fronte a “un goberno do PP convertido nun perigo para a saúde dos ourensás e as ourensás”, a candidata do BNG comprometeuse a ser “a presidenta que coide da saúde dos galegos e as galegas, para que teñan a tranquilidade de que se sofren algún revés van ter toda a atención sanitaria que precisan”.  

É por iso que un dos seus grandes compromisos con Ourense será resolver todos os problemas que ten o seu complexo hospitalario, “empezando pola precariedade e a sobrecarga que impón o PP”, que coas súas políticas de recortes acumulados ao longo de quince anos fixo que este centro de referencia teña dificultades para reter persoal, coas consecuencias que iso ten para a atención ao paciente. 

 Prezos xustos para a xente que traballa no rural

Pontón aproveitou o mitin de Ourense, onde agricultores e gandeiros se manifestaron en contra da política agraria europea, para reiterar o seu compromiso de defender o rural “de todas aquelas medidas que se tomen en contra dos nosos produtores e produtoras, en Madrid ou en Bruxelas”, como sempre fixo o BNG, así como a garantir prezos xustos e reducir burocracia, porque estamos falando de explotacións no sector agrogandeiro, “non de xestorías”. 

Reafirmou o compromiso da formación nacionalista para seguir defendendo o dereito dos gandeiros e gandeiras e das produtoras e produtores galegos “a vivir do seu traballo e con prezos xustos” porque, segundo advertiu, “non é normal que a xente do noso medio rural faga o traballo duro e encha a neveira das nosas casas con alimentos de calidade, pero sexan outros os que se quedan cos beneficios”.

Neste sentido, considerou inaceptable que “teñan que mesmo traballar por debaixo de custos e perdendo cartos”, mentres os prezos dos alimentos están disparados, como ben saben as familias que cada vez pagan máis pola cesta da compra. 

"Fronte ao abandono do PP", reivindicou “o proxecto sólido e solvente para o medio rural” que ten o BNG, con algunhas medidas desenvolvidas xa con Alfredo Suárez Canal na Consellería do Medio Rural, como o banco de terras como instrumento para ampliar a base produtiva das explotacións agrarias; un banco de terras que o PP “copiou mal”, poñendo  grandes polígonos forestais “en mans de fondos de investimento que só queren especular coa nosa terra”. “No PP, cos fondos voitre que especula, no BNG, coa xente do rural que traballa as súas explotacións para darnos alimentos de calidade”, contrapuxo. 

Na mesma liña, defendeu a iniciativa nacionalista para garantir prezos xustos con contratos homologados, unha medida que foi suprimida polo PP. “Pero imos volver a poñernos en marcha para que os produtores de carne ou de pataca en Ourense e no conxunto do País poidan ter prezos xustos e non teñan que traballar por debaixo de custos”, comprometeu.

Tamén adiantou que un goberno BNG acabará coa burocracia que “só serve para poñer atrancos e para sobrecargar a xente do rural” porque -engadiu- “porque son produtores e produtoras de alimentos, non xestorías”.

A candidata do BNG tamén aproveitou o mitin en Ourense para pedirlle ao candidato do PP, Alfonso Rueda, que “deixe de esconderse" e acuda non só ao debate de TVE, senón que tamén acepte un cara a cara coa líder da oposición, o mínimo en democracia, tal e como demostraron Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo nas pasadas eleccións estatais. Na súa opinión, resulta incomprensible que alguén que se presenta a unhas eleccións renuncie a defender o seu proxecto nos debates ou a manter un cara a cara coa líder da oposición. 

“Quizais o problema que ten o candidato do PP é que non ten nin programa, nin ideas que contrastar e por iso prefire esconderse”, cuestionou para advertir que cando alguén se presenta a unhas eleccións está na obriga de “dar a cara ante a cidadanía” porque debater non é un dereito dos candidatos e candidatas, “é un dereito dos cidadáns e das cidadás”. 

Pontón concluíu apelando a unha mobilización masiva que permita poñer en marcha o mellor goberno de todos os tempos concentrando o voto de cambio no BNG. “Son a candidata de todas as persoas que queren cambio e que saben que a maneira de conseguilo é apostando polo BNG”, remarcou.

“Quen pode marcar a diferenza para sacar adiante Ourense é o BNG”

A cabeza de cartel por Ourense, Noa Presas,  pediu tamén a confianza dos ourensáns e as ourensás no BNG para poñer en marcha “unha Galiza mellor na que non haxa galegos de primeira e de segunda” porque, se hai unha parte do país que máis precisa un cambio político “é Ourense” e, se queremos rematar coa discriminación de Ourense “hai que rematar coa discriminación de Galiza”, dixo. 

Reclamou así a un proxecto no que o equilibrio territorial e cohesión social son centrais: “Sabemos que se alguén pode sacar adiante Ourense é o BNG” apuntou. “Quen pode marcar a diferenza é un goberno de cambio liderado por Ana Pontón, unha muller que sabe o que hai que facer con este País e como hai que facelo. Podo dicirvos sobre todo que Ana é esa persoa que cando hai algo difícil, marca a diferenza. Marca o camiño” aseverou Noa Presas. 

Neste sentido, a candidata por Ourense chamou a concentrar o voto na papeleta do BNG  e fuxir de proxectos políticos importados doutras latitudes e de localismos estériles “que disfrazados de amor a Ourense só serven para alimentar intereses individuais”. Intermodal digna, saneamento do Barbaña, tarifa do tren, peores listas de agarda, centro de discapacidade, residencia pública: numerou exemplos dos proxectos pendentes para Ourense tras 14 anos de PP na Xunta e 6 anos de localismo.




Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19199800491333