Pontón insiste no compromiso do BNG coa defensa dos intereses dos galegos e das galegas

ACoruñaXa | OurenseXa
A líder nacionalista afirma que o seu partido sae fortalecido do 18F e destaca o extraordinario resultado que os coloca como a gran esperanza de todas as persoas que queren unha Galicia mellor
A candidata nacionalista agradeceu o voto aos máis de 460.000 galegos que confiaron no BNG
19 Feb 2024

A portavoz nacional, Ana Pontón, agradeceu aos máis de 460.000 galegos que votaron ao BNG nestas eleccións a súa confianza, acadando un “resultado extraordinario” que fai que a forza nacionalista sexa o “referente indiscutible do cambio”. “Hoxe volvemos superar o noso teito electoral cun resultado que nos coloca como a esperanza de todas as persoas que pensan que Galiza merece moito máis”, subliñou.

A candidata á Xunta incidiu en que o BNG sae destes comicios “consolidado, fortalecido e con máis ganas e máis empuxe que nunca para seguir defendendo este País e a súa xente”, destacou, tras agradecer o apoio recibido nas urnas. A líder nacionalista tamén destacou que, pese a ter superado o 30% do voto ou a ter sido a forza máis votada en Vigo, o Bloque non logrou o obxectivo porque o reto era darlle a Galicia un goberno liderado polo BNG, darlle a Galicia o goberno do cambio.

“Sei que neste momento moitas das persoas que agora me escoitan poden sentirse decepcionadas, seino e quero dicirlles que as comprendo, porque sei a ilusión e a esperanza que miles e miles de galegos e de galegas despositaron en nós para lograr o cambio. Pero tamén quero dicirlles que esta campaña e este resultado electoral demostran que este País xa cambiou, que non hai marcha atrás porque hai unha cidadanía ilusionada, rebelde que non se conforma coa Galiza en pequeno que nos deixa o Partido Popular. Unha cidadanía que non se resigna a ver como Galiza vai a menos mentres outros avanzan”, subliñou Ana Pontón.

Pontón tamén agradeceu a militancia e simpatizantes do BNG a “gran campaña que quixemos facer desde o respecto aos contrincantes, en positivo, pensando na xente, desde a emoción e desde a razón, unha campaña que logrou ilusionar a miles de persoas ao longo e ancho do País. Esta organización ten a mellor militancia do mundo e nestas eleccións volveuse demostrar unha vez máis”, subliñou.

A líder do Bloque rematou cun emotivo agradecemento aos seus pais, Aurita e Luís, “por estar sempre aí, por transmitirme os seus valores e facer de min a persoa que hoxe son”, concluíu.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15197396278381