Preséntase o Parque Comercial de Medianas de San Cibrao
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asistiu á presentación do Parque Comercial de Medianas de San Cibrao, unha nova área comercial na que se implantarán entre 5 e 8 operadores, sendo OBRAMAT o principal, especialista en materiais de construción para reformistas. Este parque comercial estará operativo no último trimestre de 2025, tal e como se puxo de manifesto na presentación.
Luis Menor felicitou aos promotores desta iniciativa “por traer a Ourense un proxecto cun investimento estimado en 15 millóns de euros e que suporá a creación de 150 empregos”. De feito, sinalou que o atractivo deste proxecto, “non só se cingue a esta mellora dos servizos para un sector clave na nosa economía provincial como é o da construción e con especial incidencia no ámbito da rehabilitación e reformas. Tamén supón un atractivo notable para a creación de emprego e asentamento de poboación”, abundando o presidente provincial que “o reto demográfico é, sen dúbida, o maior desafío ao que nos enfrontamos nesta provincia que destaca pola súa saudable lonxevidade”.
Na presentación deste proxecto participaron tamén a alcaldesa de San Cibrao das Vilas, Marta Nóvoa; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o presidente da Asociación de Empresarios Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araújo; o director xeral do Grupo MEIFUS, Isaac Álvarez; e os responsables de Expansión e de Comunicación Corporativa de OBRAMAT, David Ares e Nerea V. Álvarez, respectivamente.