PSOE e BNG piden convocar unha Xunta de Voceiros ante a decisión do alcalde de paralizar as obras da Praza de Abastos

Este venres, a través dun comunicado, coñeceuse que o Concello de Ourense quere concluír, sen acordo, as negociacións sobre a Praza de Abastos, paralizando así a posibilidade de que se continúen e rematen as obras necesarias para a súa reapertura.
O BNG e o PSdeG de Ourense denuncian ter coñecido tales feitos a través dese mesmo comunicado, no que o goberno municipal escusábase en ter cedido “en decenas de parámetros”, e en que “hai un punto onde xa se comezaría a danar o interese xeral da cidade de Ourense e do seu patrimonio, e dese punto non podemos pasar”.
O Portavoz do Grupo municipal do BNG Luís Seara, amosouse “sorprendido” polo anuncio do Goberno Local e polo feito de que “non se ofreza ningún tipo de explicación sobre cales son esas razóns que, segundo Jácome, poderían danar o interese xeral”.
Motivado polo anterior e considerando necesario que o Alcalde “dea todas as explicacións sobre unha decisión que, contribúe a retrasar aínda máis o traslado das praceiras e praceiros ao edificio da Praza e polo tanto retrasa aínda máis a recuperación da alameda para o conxunto da veciñanza”, o BNG solicita a convocatoria dunha Xunta de Portavoces “na que se explique que é o que aconteceu para adoptar esta decisión e que pasos se pensar dar a partir de agora”.
Da mesma forma fixérono os socialistas, que ademais sinalan que ao longo do día non se tivo coñecemento da recepción de dito escrito ás outras partes.
Ante a gravidade dos feitos, os socialistas urxen, e así o solicitaron xa a través do rexistro xeral, a convocatoria dunha Xunta de Voceiros urxente co fin de “coñecer a motivación desta precipitada decisión que simplemente se basea, segundo se deduce do comunicado oficial, en teren cedido en decenas de parámetros e chegar a un punto no que se comezaría a danar o interese xeral da cidade de Ourense e do seu patrimonio”.
Ata o de agora, sinalan os socialistas, o que si se coñece é que se estaban a levar a cabo unha serie de reunións entre os executivos autonómico e local para avanzar nese plan funcional consensuado para poder seguir adiante coas obras da praza e que ese plan pechado polas dúas administracións se trasladaría aos praceiros para que puideran facer as súas alegacións no tempo establecido a tal efecto.
“Parécenos outra arroutada de Gonzalo Pérez Jácome da que consideramos que debe dar explicacións, non só ante os grupos políticos, senón ante a propia cidadanía e que, ademais, saca a relucir unha vez máis a súa incapacidade de chegar a acordos e consensos polo interese xeral dos veciños e veciñas. Neste caso concreto, paralizando a posibilidade de maneira unilateral de que sigan dándose pasos na obra máis importante que actualmente temos en marcha en Ourense”, remata contundente a tamén secretaria xeral do partido na cidade.