Recibidas tres ofertas para rehabilitar dous inmobles no centro de Ourense

A Xunta vén de recibir un total de 12 ofertas para a execución das obras de rehabilitación de 4 edificios nos centros históricos de Ourense, Tui e Ribadavia, que permitirán a creación de 14 vivendas públicas ao abeiro do programa Rexurbe.
A través desta iniciativa, a Xunta promove rehabilitacións en centros históricos para logo cualificar as vivendas resultantes como públicas e ofrecelas en alugueiro accesible a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.
Máis polo miúdo, a Xunta recibiu 5 ofertas para rehabilitar 1 edificio na praza García Boente en Ribadavia, onde se crearán 5 vivendas. O orzamento de licitación ascende a 1,7 millóns de euros
Ademais, recibíronse 4 ofertas para a rehabilitación dun inmoble para crear 3 vivendas na rúa Bispo Castañón de Tui, cun investimento de 1,3 millóns de euros
Por outra banda, para a rehabilitación doutros 2 inmobles nas rúas Pelaio e na praza Manuel Sueiro de Ourense, nos que se obterán 6 vivendas, recibíronse 3 ofertas de empresas. O investimento acada 1,9 millóns de euros.
A Xunta traballa para que estas vivendas poidan ser unha realidade no vindeiro ano 2026, tendo en conta que o prazo estimado de execución de obra é de 15 meses.
Desde a posta en marcha do programa Rexurbe son xa 94 os inmobles adquiridos pola Administración autonómica, cos que se prevé crear 167 vivendas nos concellos de Ourense, Tui, Mondoñedo, Lugo, Ribadavia, Viveiro, A Coruña, Vilalba, Ferrol, Betanzos e Ribadeo.