Rematadas as obras de mellora da eficiencia enerxética no campo de fútbol Barra de Miño de Coles

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron hoxe o campo de fútbol Barra de Miño para comprobar as obras de mellora nas instalacións realizadas co apoio do Goberno galego, que achegou 60.000 euros do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.
No campo de fútbol municipal Barra de Miño procedeuse á substitución completa da cuberta no edificio de vestiarios, así como a melloras no illamento xeral das estancias. Con estas actuacións, agárdase reducir as humidades e filtracións que provocaba a choiva coa antiga cuberta, ademais de mellorar as condicións de habitabilidade, salubridade e reducir o consumo enerxético.
A través do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, dotado con 5 millóns de euros, a Xunta impulsa proxectos municipais de eficiencia enerxética con ata 60.000 euros por concello. Na convocatoria deste ano, dáselle prioridade a instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais. Ademais, valórase o tipo de investimento, con maior puntuación para a instalación de caldeiras alimentadas con enerxías renovables ou a renovación e reformas de cubertas e tense en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.
A directora xeral explicou que a través desta medida se busca atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia. No pasado exercicio houbo case un cento de concellos beneficiarios en toda Galicia. Deste total, 28 son da provincia de Ourense, aos que se destinou un orzamento superior aos 1,5 millóns de euros.
A iniciativa enmárcase no apoio da Xunta ás administracións locais, co Fondo de Cooperación Local como instrumento central de colaboración económica para garantir a suficiencia financeira dos concellos. Natalia Prieto lembrou que neste exercicio o Fondo de Cooperación Local medra ata os 168 millóns de euros, 10 millóns máis que en 2024.
As axudas do fondo adicional súmanse a outras convocatorias anuais, como a Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros, ou as axudas plurianuais á eficiencia enerxética cofinanciadas con fondos Feder e cun presuposto de 5 millóns de euros. A elas sumarase proximamente a nova convocatoria da liña de apoio a proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, posta en marcha en 2024 e dotada con 8,5 millóns de euros.
As obras no campo de fútbol Barra de Miño forman parte do conxunto de actuacións impulsadas polo concello de Coles co apoio da Xunta a través das distintas ordes de axudas ás administracións locais. Neste marco de actuación o Goberno galego investiu nos últimos anos máis de 460.000 euros neste municipio.