Rexístranse máis de 600 sinaturas para reinvindicar a mellora da sanidade en Coles, Amoeiro, A Peroxa e Vilamarín
Os concellos de Coles, Amoeiro, A Peroxa e Vilamarín estiveron este verán sen o servizo de pediatría, o BNG levou iniciativas ao Parlamento Galego, pero a Xunta fixo caso omiso. Hoxe á veciñanza destes concellos rexistrou máis de 600 sinaturas para reinvindicar un servizo de pediatría digno e diario.
Marcos Blanco Durán, responsable Local do BNG en Amoeiro, denuncia o acontecido neste verán, no que se lles quitou o servizo, e tamén a situación que viven o resto do ano, no que cada centro de saúde conta con tan só dous días a semana con pediatra. “Isto provoca que as crianzas destes concellos teñan que desprazarse para ser atentidas, ou ao Centro de saúde de Ribadavia ou mediante as urxencias do CHUO”
Desde o BNG, o deputado Iago Tabarés sinala que “Por desgraza, esta situación non é algo excepcional, hoxe estamos a falar destes dous concellos, pero xa estivemos aquí reclamando para o do Pereiro de Aguiar, con mobilización no Carballiño, Xinzo de Limia, no Barco de Valdeorras…”.
Dende a formación nacionalista denuncian como é a política do Partido Popular, que atenta contra o reequilibrio territorial e deixa concellos sen servizos fundamentais como o da sanidade, evitando que se fixe poboación no rural.
O Bloque Nacionalista Galego súmase así as reinvindicacións da veciñanza e insta á Xunta de Galiza a que resolva esta problemática e dote dun servizo de pediatría digno a estes concellos.