Ricardo González, elixido novo presidente do PP de Toén

OurenseXa
Trala súa proclamación como presidente local, o tamén alcalde do concello apostou por ampliar o partido en Toén
congreso-local-pp-toen
Congreso local do PP de Toén
16 Mar 2025

Ricardo González (Ourense, 1975) é desde este sábado o novo presidente da agrupación local do Partido Popular de Toén, logo de obter a confianza da militancia no congreso celebrado onte, onde o presidente provincial, Luis Menor, pediu ao novo equipo local sentar as bases para “fortalecer o partido, con persoas identificadas cos nosos valores e comprometidas coa nosa visión da provincia”.

Trala súa proclamación como presidente local , o tamén alcalde do concello apostou por ampliar o partido en Toén, obxectivo que confía en alcanzar pois “temos moitos colaboradores que nos axudan a gañar as eleccións”. González, xunto co seu equipo, entende que compre facer que estas persoas decidan afiliarse, “chegando mesmo a duplicarse o número militantes dentro de dous anos”, por iso xa iniciaron unha campaña de captación de afiliados.

A proximidade coa veciñanza seguirá sendo a liña fundamental de traballo, dixo o novo presidente da agrupación local -que ata o momento presidía a xestora-, xa que “esa proximidade trasládase tamén aos afiliados, sobre todo nun concello pequeno como Toén con 2.400 habitantes”.

Neste mesmo sentido advertiu que todo o que queremos para o partido “coincide ás máis das veces co que desexamos para o noso concello”, de aí que considere que un dos obxectivos como formación política ten que ser “parecerse o máximo posible á sociedade do teu municipio, co que implica atención e solución ás necesidades da túa veciñanza”.

Profesional do sector farmacéutico e vencellado desde hai anos ao PP, Ricardo González estreouse no ámbito municipal en 2015, logo de aceptar a invitación do rexedor para formar parte do seu equipo como número dous, exercendo como tenente alcalde. Nas municipais de 2019 encabezou a lista popular en Toén, ganando as eleccións por maioría absoluta, que repetiría no 2023 mantendo sete concelleiros.

Luis Menor confía en renovar a maioría en Toén en 2027

Luis Menor afirmou ante a militancia de Toén que cre no traballo de Ricardo González para chegar ás eleccións municipais de maio de 2027 “co músculo necesario para ser o partido que consiga, unha vez máis, a confianza maioritaria da veciñanza”.

Compre todo apoio, engadiu o presidente provincial, “pero máis aló de simpatizantes precisamos desas persoas identificadas e comprometidas co partido, traballando en cada pobo, cada parroquia e transmitindo as inquedanzas dos seus veciños”.

Menor estendeu o significado do congreso local cara á provincia, sinalando que o traballo que onte continúa Ricardo González á fronte da agrupación tamén terá a súa repercusión no resto do territorio ourensán: “Toén debe ser tamén determinante nunha nova vitoria popular na provincia”, sentenciou.

 

⚙ Configurar cookies
0.24162697792053