Rueda pon en valor os resultados obtidos polo PPdeG en Ourense
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o intenso traballo do PP de Ourense ao longo destes anos, e especialmente durante os últimos meses, e apuntou como resultado do mesmo o incremento no número de votos acadado na provincia respecto ás últimas eleccións autonómicas.
A pesar da renovación experimentada pola candidatura que encabezaba Elena Rivo, os populares galegos aumentaron o seu apoio na provincia en comparación co ano 2020 ata acadar unha porcentaxe de voto moi próxima ao 50%. Destacando especialmente o caso de Verín, onde a suba supera o 10%, e o de Quintela de Leirado, onde se acadou o pasado domingo un apoio do 90% á lista do PP.
O líder dos populares galegos asegurou que estes resultados son o mellor impulso para continuar co traballo ben feito e por iso agradeceu ao líder do partido na provincia, Luis Menor, a súa capacidade para pilotar unha transición que foi posible grazas á xenerosidade de todos.
Ante a Xunta Xestora Provincial do PP de Ourense, Rueda sostivo que a vitoria do PPdeG o pasado 18 de febreiro foi a constatación de que Galicia rexeita unha forma de facer política baseada na chantaxe e nos privilexios para uns poucos e, en cambio, aposta maioritariamente pola responsabilidade, o sentidiño e a superación.
Explicou ademais que a nova lexislatura estará chea de ilusión por construír a Galicia do futuro e por iso pide aos seus que sigan escoitando aos veciños e continúen facendo do bo Goberno e da boa oposición as sinais de identidade do PPdeG. Porque só así, traballando por mellorar a vida da xente, se garante que Galicia siga funcionando.
Luis Menor pon especial valor aos resultados obtidos en Ourense
Luis Menor comezou a súa intervención lembrando que durante a campaña prometera que Ourense non ía fallar e “Ourense non fallou”. Así, destacou que 1 de cada 2 ourensáns votou ao Partido Popular e que isto se traduciu en que a formación conseguise na provincia máis votos que a suma de todas as formacións políticas que obtiveron representación no Parlamento de Galicia. O cal permitiu manter os 8 deputados conseguidos na anterior lexislatura.
Para o líder dos populares ourensáns a vitoria do PP de Ourense ten un valor especial no contexto galego pois, ademais das forzas políticas que se presentaron a estas eleccións en toda Galicia, “na provincia de Ourense tivemos que enfrontarnos a unhas siglas máis”. Con todo, subliñou, estas non conseguiron ser chave para formar goberno en Galicia: “O único deputado que conseguiron déixaos na máis irrelevancia política no Parlamento”.
Con estes resultados –“que non son froito da casualidade, senón a lóxica consecuencia da extraordinaria mobilización”; apunta Menor– o PP de Ourense adquire o compromiso de “cumprir coa palabra dada, sen renunciar nin deixar a ninguén a bandeira da reivindicación que nos deu a veciñanza”.