Sanidade asegura que o traslado dos pacientes do Materno Infantil culminará a comezos do verán

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reiterou o compromiso do Servizo Galego de Saúde de ter finalizado o traslado da área de hospitalización do Hospital Materno Infantil de Ourense a comezos do verán e informou de que xa están reubicadas dúas das súas catro plantas.
Así o trasladou o conselleiro xunto coa directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, antes de visitar os traballos que se están a acometer no Materno Infantil.
Gómez Caamaño reiterou que a decisión de trasladar a área de hospitalización do Materno busca dar tranquilidade aos pacientes, tras o incidente rexistrado en marzo no falso teito.
Polo tanto, o Servizo Galego de Saúde está a levar a cabo traballos de adecuación dos espazos que acollerán os distintos servizos do Materno e, por outra parte, estanse a reforzar os falsos teitos naquelas partes do Materno que se manterán en uso, principalmente na planta 0, que vai manter a área de consultas.
O reforzo dos falsos teitos estase a realizar por fases para interferir o mínimo imprescindible na actividade asistencial. Neste momento xa foron substituídos 1.000 m2 de falsos teitos e esta semana está previsto actuar noutros 500 m2.
Gómez Caamaño adiantou que a previsión é ter inspeccionado o 100 % dos falsos teitos da planta 0 do Materno e ter substituídos os que sexa necesario mediados deste mes de maio.
Traslado das áreas de hospitalización.
De forma paralela, realizáronse diversas obras para liberar e habilitar espazos para o traslado das áreas de hospitalización. Así, a planta 1 do Xeral de paliativos e 30 doentes de medicina interna foron reubicados na planta 1 do edificio de Piñor e noutras plantas do complexo.
Ademais, este mesmo luns iniciáronse as actuacións de adecuación na planta 1 esquerda do edificio Xeral, que xa está baleira e que albergará gabinetes e consultas de xinecoloxía e obstetricia.
No que respecta á planta 1 dereita, quedará baleira nas próximas semanas para acoller a hospitalización de xinecoloxía e obstetricia.
Tamén esta semana se iniciarán as actuacións na planta 4 do edificio Xeral para adaptala e que poida albergar as áreas de pediatría e biberonía.
Gómez Caamaño explicou que, cando estean habilitados eses novos espazos, os traslados dos servizos de pediatría e obstetricia faranse de xeito simultáneo, por operativa e por garantir a mellor asistencia ás nais e aos bebés.
Indicou tamén que, unha vez materializada unha parte do plan de traballo, viuse que non será necesario trasladar e habilitar casetas para a zona de xerencia co obxectivo de deixar sitio aos médicos de garda, xa que se comprobou que hai espazo suficiente na planta 6 do Xeral para albergar os dormitorios.
O conselleiro de Sanidade rematou agradecendo o labor de coordinación que están a realizar a Xerencia e os profesionais dos distintos servizos.