Sarabela Teatro acada 14 nomeamentos aos Premios de Teatro María Casares pola súa obra ‘O Dragón de Ouro’

OurenseXa
A compañía ourensá é finalista nas categorías de mellor espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria, , actor protagonista, actor secundario e adaptación, entre outras
Sarabela Teatro
Sarabela Teatro
27 Feb 2025

A compañía ourensá, Sarabela Teatro, vén de acadar 14 nomeamentos nos Premios de Teatro María Casares, que se entregarán o vindeiro 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
En total, son 17 as obras finalistas para esta edición, na que ‘O Dragón de Ouro’ é a peza con máis nomeamentos, optando a mellor espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria, , actor protagonista, actor secundario por partida dupla adaptación e tradución, iluminación, espazo sonoro, espazo escénico, vestiario e maquillaxe.

Dende Sarabela sinalan que é “un orgullo enorme compartir candidatura con tantas producións marabillosas e celebrar, un ano máis, a forza do teatro galego”

A seguinte obra con máis nomeamentos é ‘Iribarne’, da compañía ButacaZero, cun total de 12. Así, ‘O Dragón de Ouro’, ‘Iribarne’ e o espectáculo ‘Go Home’ son as obras que competirán para o maior recoñecemento do certame: o premio ao mellor espectáculo.

O ‘Dragón de Ouro’, unha traxedia contemporánea

Baixo a dirección de Ánxela Cuña e con tradución de Catuxa López Pato, para a que se contou coa colaboración do Instituto Goethe, a obra preséntase como unha “traxedia contemporánea performática con elementos grotescos”. Aborda temas como a emigración ilegal, a explotación laboral dos “sen papeis” e o desexo de cambiar as condicións de vida. A posta en escena mestura performance e comedia cun estilo narrativo cinematográfico, polos seus cortes rápidos e fundidos cruzados.

A trama desenvólvese cando unha noite, nun edificio de varios pisos nun lugar de Europa, un mozo chinés sofre unha forte dor de moas na cociña do restaurante de comida rápida O dragón de ouro. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa á súa irmá desaparecida... A partir desa escena, a peza transita polos distintos andares do edificio e das historias dos personaxes que o habitan.
Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Fran Lareu son os actores e actrices que forman parte do elenco, interpretando 17 personaxes a un ritmo trepidante nunha fábula que cuestiona a deshumanización. Iris Branco (escenografía), Ruth Pereira (deseño de vestiario), Vadim Yukhnevich (composición musical), Baltasar Patiño (deseño de iluminación) e Rut Balbís (dramaturxia de movemento) completan o equipo de Sarabela Teatro para esta nova montaxe.

⚙ Configurar cookies
0.1016309261322